Drogas no Parlamento

07 Abril 2013 03:07 h.

Cando escribo estas liñas -venres á mañá- non hai convocada ningunha concentración diante do Hórreo para berrar pola dimisión de Núñez Feijóo na mesma sesión vermú na que declarará diante do Parlamento sobre a súa relación co narco Marcial Dorado, pero este columnista de merda quere pensar que algo se organizará, como espera que quen se sitúa na esquerda amose ese día no Hórreo a cabreada contundencia que a situación reclama e non se lle ocorra tirar de linguaxe burocrático e marciano, como cando a cuestión de que unha infanta imputada significa en vez de pedir a cabeza da monarquía poñerse a falar da aplicación dunha lei de transparencia á realeza e medianías polo estilo.

Outra cousa é que a sesión do mércores teña moito de previsíbel, estando como está o PP polo medio. Non é necesario ser profeta, evidente é que Feijóo vai soltar algún paripé con aspecto de desculpa, tentar acusar aos demais de “infamia” (palabra que ten as mesmas letras que 'in mafia', talvez máis acaída para o asunto) e logo comparar aquel amiguismo seu -e o do seu partido- cos narcos co pasado da oposición, nunha liña propia de Intereconomía con argumentos tipo que se os nacionalistas con ETA, se os outros con Stalin e tal. Parvadas. Sobre todo cando saen do líder dunha organización como o PP, fundada polo ministro dunha ditadura xenocida cuxo rastro aínda é claramente perceptíbel no réxime vixente. 

E nese Pleno tamén haberá fotos. Sairán imaxes a relucir. Permítome achegar unha que representa como poucas a masacre dos 80 e os 90 que provocaron aqueles cos que Feijóo viaxaba en iate, á neve ou a Ibiza.

"A caída dun presidente indigno -xa o era antes, agora máis- loxicamente resulta nestes momentos a urxencia política".

Un premiado documental chamado 'Marea Branca' -dispoñíbel íntegro na web de RTVE- narra o drama que nas Rías Baixas -e en moitos outros puntos do país- acabou para sempre coas vidas de centos de [email protected] que na súa inmensa maioría -estes si- caeron inocentemente por culpa da heroína que difundían a grande escala os señores do narcotráfico galego, os das vacacións con Feijóo ou das paparotas públicas con outros altos cargos do PP. Comeza tamén ese traballo audiovisual cunha foto. Pero nela non aparece unha embarcación de luxo, senón un modesto equipo de fútbol sala. Todos os seus compoñentes, como se vai desenvolvendo no documental, morreron en mans do cabalo. Esa é a imaxe que alguén deberá poñerlle nos fouciños a Feijóo este mércores, xunto ás súas propias da vergoña. 

A caída dun presidente indigno -xa o era antes, agora máis- loxicamente resulta nestes momentos a urxencia política. Pero cun ollo a medio prazo, tamén vai sendo hora de que o nacionalismo e a esquerda tire desta noxenta circunstancia para volver a mirada cara un tema que -talvez por certos puritanismos moi recoñecibles- apenas formou parte até o de agora do seu/noso corpo ideolóxico e que ten que ver co dereito ao propio corpo, ás liberdades naturais e, sobre todo, ao combate contra un negocio destrutivo de características puramente capitalistas. O debate da legalización.

Cando a principios dos 80, Ronald Reagan declarou formalmente unha cousa chamada “a guerra contra as drogas” en realidade ese anuncio agochaba unha tramposa operación dos inmensos poderes que albiscaron unha enorme oportunidade de negocio que non podían deixar escapar, por iso dende entón os beneficiarios do gran narcotráfico sen escrúpulos viven en mansións ou mesmo ocupan inmensos despachos, coa carne de canón no final da cadea. O antídoto contra este sistema coñécese como legalización das drogas, incompleta definición posto que talvez sexa unha legal como o alcohol a máis destrutiva de todas elas. 

"O antídoto contra este sistema coñécese como legalización das drogas"

En calquera caso, lexislar, informar a fondo sen reaccionarismos, supervisar se cadra medicamente e controlar a venta legal -e o lícito, libre e responsábel consumo deste tipo de substancias (algunha moi desaconsellable) lonxe de mercados negros e adulteración- é a única medida que pode acabar definitivamente cunha terríbel mafia, a mesma que matou -ou marxinou ou fritiu o miolos- a centos de persoas e que a desesperación xerada pola actual crise está a devolver á primeira liña dos nosos barrios e vilas. A maioría [email protected] que temos máis de trinta anos sufrimos perdas na nosa contorna por mor dos asasinos efectos daquela destrutiva marea branca da que fala o documental e con cuxos responsábeis ía de festa o actual presidente da Xunta. Delas hai fotos. Das vítimas, como aquel equipo de fútbol sala arousán, tamén. Agora só faltan outras dúas imaxes. Unha, a que deixe en nada as miñas profecías sobre a sesión parlamentaria do mércores porque esta se limite á presentación da renuncia ao seu cargo por parte de Feijóo. E outra, pouco máis adiante, a  que inmortalice a sinatura do decreto que aprobe a legalización. É a única forma de afundir para sempre aquel iate do 95 que compartían un alto cargo da sanidade galega e un alto responsábel do irreversíbel deterioro ou exterminio da saúde de toda unha xeración. Non esquecemos, Feijóo. Quince anos despois eu sigo vendo o cemento -que con pouca mestura ten unha cor parecida á heroína- que lle venderon ao meu colega como “chachi colocón”. Morreu nos Cantóns,  na Coru. Ti naqueles días estabas no iate corrupto. Eu no enterro do meu amigo. 



x