En México non foi posíbel, Obama pode durmir tranquilo

02 xullo 2012 20:15 h.

Os datos que van chegando danlle a vitoria nas eleccións de onte á Presidencia da Unión de Estados Mexicanos a Enrique Peña Nieto, o que de confirmarse suporía a volta do Partido Revolucionario Institucional (PRI) ao poder tras unha breve paréntese de 12 anos.

Os datos que van chegando danlle a vitoria nas eleccións de onte á Presidencia da Unión de Estados Mexicanos a Enrique Peña Nieto, o que de confirmarse suporía a volta do Partido Revolucionario Institucional (PRI) ao poder tras unha breve paréntese de 12 anos. Unha volta ao poder que non é completa pois os datos coñecidos non fan albiscar unha cómoda maioría do PRI nas duas cámaras, por tanto Peña Nieto e o seu partido precisarán para aprobar as leis do apoio da outra ponla da dereita, o Partido de Acción Nacional do actual presidente Felipe Calderón.

Desta vez é certo que non semella terse producido un escandaloso fraude electoral o día das eleccións como o acontecido hai seis anos cando lle foi arrebatado o triunfo ao candidato da esquerda Andrés Manuel López Obrador, pero si que se desenvolveu nos últimos meses unha intensa campaña propagandística e publicitaria faborábel ao candidato priísta Peña Nieto por parte fundamentalmente do grupo comunicacional Televisa, campaña que conseguiu facer esquecer a súa responsabilidade na masacre na comunidade indíxena de Atenco en 2006, crear a imaxe de político moderno que nada ten que ver cos dinosaurios do histórico PRI e reducir as espectativas do candidato da esquerda presentándoo como un radical exaltado que buscaba a ruína de México.

Os resultados electorais de onte e a asunción de Peña Nieto da presidencia da república supón unha boa noticia para os sectores que controlan a economía e a política mexicanas, para o poderoso sindicalismo corrupto existente no país e sobre todo para os dous veciños do norte, Canadá e Estados Unidos. Ambos poderán respirar tranquilos ao atoparse cun novo goberno que non vai variar a súa relación de sometemento e manterá plenamente en vigor o Tratado de Libre Comercio entre os tres estados, tratado que supón un verdadeiro saqueo dos recursos mineiros e enerxéticos mexicanos e a aceptación dunhas condicións económicas e comerciais moi favorábeis para canadianos e gringos.

Peña Nieto tomará posesión o 1 de decembro e o seu discurso en campaña falaba de non mirar ao pasado pero o presente de México está aí, un país inmensamente rico que mantén a perto da metade da súa poboación na pobreza, unha guerra non declarada entre o exército e os carteis da droga que provocou xa máis de 65000 mortes e un sometemento da muller tan asumido socialmente que nos últimos anos ten provocado máis de 2000 feminicidios localizados sobre todo nalgunhas zonas concretas do país.

Haberá que agardar os primeiros pasos que dea pero moi probabelmente asistiremos a unha pequena maquillaxe e cambios de persoas, pero será unha política continuista no económico e no social.

En canto a López Obrador vai ser difícil que tras duas campañas electorais nas que non acada o obxectivo da presidencia poida manterse no liderado das forzas de esquerda, sobre todo se temos en conta os problemas que tivo para conformar de novo a alianza electoral que o apoiou e o doado que lle ten sido á dereita noutros momentos provocar problemas internos no partido maioritario desa alianza, o Partido da Revolución Democrática.

Deixando xa a cuestión electoral cómpre observar atentamente o camiño que leve MORENA, movemento social creado arredor de López Obrador para controlar o desenvolvemento desta xornada electoral e evitar unha fraude como a de 2006, pois a súa actual dimensión podería dar lugar á creación dunha importante organización social con capacidade de mobilización de masas; e non debemos tampouco perder de vista o que pase co movemento #YoSoy132 xurdido no mes de maio da man do estudantado universitario reivindicando un voto libre e contrario ao retorno do PRI, nin os esforzos para articular a multitude de organizacións sociais de diverso tipo existentes no país, esforzos nos que participan partidos extraparlamentarios, organizacións sindicais como o Sindicato de Electricistas e algún partido parlamentario como o Partido do Traballo.

O que si está garantido é que esta noite Obama durmirá tranquilo ao manter a fidelidade de México, o seu máis importante aliado en Latinoamérica.