España segue a poñer pedras no camiño da paz

14 agosto 2012 23:44 h.

Ao longo de décadas os distintos gobernos do estado español transmitiron machaconamente a mensaxe de que o chamado conflito vasco non era máis que unha cuestión de delincuencia común allea a calquer trasfondo político, pero fronte a esa mensaxe oficial a creación dos GAL, o plan ZEN, a dispersión de presos, a ilegalización de organizacións políticas, o peche de xornais, etc… desmentían aos seus

Ao longo de décadas os distintos gobernos do estado español transmitiron machaconamente a mensaxe de que o chamado conflito vasco non era máis que unha cuestión de delincuencia común allea a calquer trasfondo político, pero fronte a esa mensaxe oficial a creación dos GAL, o plan ZEN, a dispersión de presos, a ilegalización de organizacións políticas, o peche de xornais, etc… desmentían aos seus emisores e deixaban claro que os distintos gobernos españois asumían na súa actuación represiva o trasfondo político do conflito vasco. En todos eses anos díxose tamén que o fin da actividade armada de ETA conlevaría o fin de todas as medidas de excepción aplicadas en Euskal Herría.

ETA anunciou o 20 de outubro pasado o remate definitivo da súa actividade armada pero desde ese día e até hoxe pouco mudou a actitude dos gobernos españois, poderíamos poñer múltiples exemplos do acontecido nestes nove meses nos que os únicos movementos firmes e claros cara unha definitiva normalización política e social de Euskal Herría foron dados pola esquerda abertzale.

Hai pouco máis dun mes o Tribunal Europeo de dereitos Humanos esixía ao goberno español a posta en liberdade da membro de ETA Inés del Río e a resposta do ministro español do interior foi contundente amosando que á sacrosanta Europa fanlle caso cando convén, Fernández Díaz dixo que Inés del Río non sairía da cadea e posteriormente acusou a Tribunal Europeo de ofender “…ás vítimas, á sociedade española e aos tribunais españois.”

E nos últimos días estanse a producir múltiples actos de solidariedade co preso de ETA Iosu Uribetxeberria que padece un cancro en fase moi avanzada, actos nos que o máis impactante é a folga de fame á que se teñen engadido xa centos de persoas en esixencia de que o goberno español aplique o artigo 92 do código penal, artigo que permite a liberdade condicional dos presos enfermos de gravidade que padezan enfermidades incurábeis.

Diante da situación deste preso vasco e da esixencia do cumprimento da lexislación vixente até o momento a única resposta do goberno español secundada por PP e PSOE é negar calquer lexitimidade a quen piden que se aplique o artigo 92 do código penal.

No caso de Iosu Uribetxeberría non estamos a falar dunha medida extraordinaria senón de poñer en marcha un mecanismo claramente tipificado na lexislación vixente, pero unha vez máis quen negaron sempre a existencia dun trasfondo político no chamado conflito vasco desmíntense a si mesmos coa súa practica dado que de estarmos diante dun preso común o artigo 92 do código penal teríaselle aplicado hai tempo.

Nunha estrevista recente o preso vasco dicía “Levar a crueldade ao extremo non fai máis que empeorar as cousas” pero vese que que algúns non teñen problema en levar a crueldade ao extremo sempre e cando lles permita conseguir algúns votos no resto do estado español.