Eu son (I)

08 maio 2012 21:04 h.

  Eu son da xeración nada nos finais dos anos 60, daquela que chegou in media res a todo, ao principio do fin dalgúns medos encarnados nos nosos superiores e ao inicio da apertura reticente a un mundo novo, ansiado e temido, ao tempo, por descoñecido. A luz da liberdade das palabras que prendía no misto do futuro inmediato apremiaba, mais, con todo, engulía rescoldos no branco e negro que necesariamente tiña que se mudar en gris.

Eu son da xeración nada nos finais dos anos 60, daquela que chegou in media res a todo, ao principio do fin dalgúns medos encarnados nos nosos superiores e ao inicio da apertura reticente a un mundo novo, ansiado e temido, ao tempo, por descoñecido. A luz da liberdade das palabras que prendía no misto do futuro inmediato apremiaba, mais, con todo, engulía rescoldos no branco e negro que necesariamente tiña que se mudar en gris. O SI afirmativo instalábase para desterrar o perenne e inmorrente NON prohibitivo e censurador.

E tocounos medrar apalpando cambios que non comprendiamos, mais que percibiamos nas olladas de esguello combativo e nos falares ás veces calados ou enmudecidos en clarificadores ombros que se erguían interrogantes entre dúbidas non verbais. Porque na nosa presenza había que albiscar demasiada roupa a clareo. Olladas adultas flotantes, suspensas nas imaxes do Parte informativo diario e na regalía das 625 líneas dominicais. Inocencia infantil pendente da sucesión de capítulos que, a por aquela única oferta televisiva (TVE), obrigaba a viaxar lonxe e acordar puntualmente cada semana nos idílicos Alpes, da man de Heidi primeiro, para despois continuar en desacougante peregrinaxe emigratoria grazas a Marco, desde os Apeninos até os Andes.
 

Foi grazas a moitas palabras comprometidas de quen nada sabiamos, que clamaron sen tregua, como puidemos criarnos paseniñamente na palabra libre e no pensamento diferente. Os sacrificios e renuncias doutros, invisíbeis, inexistentes para moitas e moitos de nós ou ocultos, convertéronse nas nosas opcións abertas e mais en vitorias herdadas de mans xenerosas, que nos abrían de verdade ao mundo do respecto e da tolerancia nun territorio aínda en reconstrución emocional e, por que non o dicirmos, tamén nacional.
 

Eu son desa xeración que puido crebar as fronteiras do acceso minoritario e elitista ao coñecemento, que continuou a acrecentar saberes, a reforzar a formación académica máis aló da estrita obrigatoriedade e acceder á Universidade con maior facilidade, grazas ao apoio económico dunha cobertura pública solidaria coas rendas máis baixas; a conxugar, en definitiva, a autosuperación en primeira persoa, individual e colectiva, para orgullo de nais e pais. Porque ás fillas e fillos da clase traballadora tamén se nos recoñecía o dereito a estudar!
 

Eu son desa xeración á que o servizo público, sustentado na cidadanía, avalou o seu progreso educativo para facer avanzar a xénese familiar, porque a ética da conciencia colectiva apremiaba para que cada xeración tivese unha calidade de vida maior á precedente. Eu son desa xeración que abriu portas e deitou barreiras psicolóxicas, minoritarias e minorizadoras, para exercer profesionalmente no noso propio país e axudar a mellorar o rumbo dunha historia que debiamos construír radicalmente xusta, igualitaria e equitativa.