Georges Moustaki

01 xuño 2013 10:15 h.

É incríbel a enxurrada de recordos que un nome pode despertar. Tal se pasou coa noticia recente do falecemento de Georges Moustaki.

É incríbel a enxurrada de recordos que un nome pode despertar. Tal se pasou coa noticia recente do falecemento de Georges Moustaki. Como nun filme de imaxes vívidas, acudiron á memoria tantos momentos da mocidade, tanta vida pasada… Falo dos anos setenta do pasado século. Moustaki era un dos nosos cantantes predilectos. Partillaba “altar” nas nosas preferencias con, por exemplo, a cantante Mina, nun tempo en que era moito menos totalitario do que hoxe o imperio da música en inglés ou en español. A miña amiga Elvira e mais eu ou meu curmán Xosé Ramón aínda eramos dunha xeración que estudou repetidamente francés e que gostaba de cantar en italiano as Parole, parole da cantante citada e de Alberto Lupo, “interpretación” incluída, claro está… De modo e maneira que esta canción ou outras del como Ma solitude ou Nous sommes deux… ou tantas máis eran unha especie de himnos de uso particular. Cousas da vida! De rapaza, vino en París (ano 1975) e daría algo por podelo saudar e mostrarlle a miña admiración. Cando o puiden facer, na Coruña, moitos anos despois, estando a menos dun metro del, deume reparo e non acudín a saudalo. Lembro, no ano 1976, reinstalada en Compostela para preparar as oposicións, ir dar unhas clases de francés a unha señora da cidade, clases particulares que me “pasou” un amigo daquela estudante desta especialidade. Ocorréuseme organizalas con letras-música do “meu” cantante e a alumna ficou ben contenta coa experiencia. A lingua vehicular, fóra do francés, era, pola miña parte, o galego, así que Moustaki ficou “galeguizado” de arriba abaixo…

Rebusquei estes días vellos discos del, varios LP’s., que había anos e anos que non  tiña nas mans. Máis saudades! No día en que se volveron acumular máis mortes de mulleres a mans de animais  -con perdón dos animais-  que se cren os seus proprietarios e, xa que logo, eventuais destrutores, batín coa canción titulada Chanson-cri (Canción-grito ou Canción-berro). Eis a segunda estrofe: Quand on entend parler des femmes que l´on viole / pour beaucoup d´entre nous ça reste des paroles. / On discute, on s´indigne, on ferme le journal / puis on finit par trouver ça presque normal (“Cando sentimos falar de mulleres violadas / para moitos de nós non son máis que palabras. / Discutismos, indignámonos, cerramos o xornal / despois, acabamos por consideralo case normal”). Tal cal o que hoxe nos cabe contemplar. “Normal” é “habitual” e é, asemade, o derivado dunha norma. Nos dous sentidos, as mulleres asasinadas por séreno pagan coa súa vida o vello e o novo: o máis ancestral machismo matador unido ao máis actual desabafo co elemento vulnerábel. Morren de morte matada: ¿cantos minutos de silencio cumprirían para as ter na memoria?  

Artigo tirado do Sermos Galiza 49 que pasamos a publicar na web após un erro de transcrición no titular