Mobilización social e goberno inútil

10 setembro 2015 08:37 h.


Acabamos de vivir unha semana marcada por un intensísima mobilización social


Acabamos de vivir unha semana marcada por un intensísima mobilización social, nos dous flancos que máis lle interesan a este país: o da defensa do seu dereito a producir -co retorno de tractoradas masivas que lembran as de 2009- e o da reivindicación de servizos públicos dignos de tal nome -coa manifestación histórica en contra da xestión privada do hospital de Vigo. Esta semana puxo de relevo que o pulso social do país está moi vivo e que o seu latexo é propio dunha nación atravesada por problemas que teñen que ver cos fundamentos básicos do estado do benestar, mais tamén coa súa capacidade para xerar riqueza e para ter unha economía nacional verdadeiramente moderna (os Estados máis desenvolvidos son aqueles que parten dun sector primario punteiro).

Esta semana puxo de relevo que o pulso social do país está moi vivo

E ante isto, cal foi a reacción do presidente da Xunta. No caso de Vigo, enrocarse na defensa de intereses privados e insultar as 200 mil persoas que saíron á rúa, algo inconcebíbel nun gobernante democrático. No das tractoradas, Feijóo fixo o de case sempre: botou balóns fóra, como se el non tivese nada que propor ou mesmo que facer (controlar as prácticas de dúmping nas grandes superficies, por exemplo).

A sociedade galega está moi por enriba dun goberno cuxo único proxecto é o de favorecer os intereses económicos dunha minoría (con frecuencia grandes empresas españolas con domicilio fiscal está en Madrid) e que infelizmente ve no campo non un motor económico, senón un lastre. A sociedade continuará a moverse. Deste goberno pouco cabe agardar. Só a súa substitución no horizonte.