Na Grecia, golpe ao bipartidismo e á troika

08 maio 2012 11:22 h.

  A chegada ao Parlamento Grego de 21 deputados do partido neonazi Aurora Dourada segundo moitos medios semella ser o efecto máis importante das eleccións do pasado domingo, pero non deixando de ser preocupante ese feito non vaiamos caer no engano de confundir o máis chamativo co máis importante.

A chegada ao Parlamento Grego de 21 deputados do partido neonazi Aurora Dourada segundo moitos medios semella ser o efecto máis importante das eleccións do pasado domingo, pero non deixando de ser preocupante ese feito non vaiamos caer no engano de confundir o máis chamativo co máis importante. No aspecto propiamente político a conclusión máis importante que debemos tirar das eleccións gregas é a derrota electoral do bipartidismo e da troika.

O bipartidismo representado polo socialdemócrata PASOK e o dereitista Nova Democracia en conxunto perde un 45% da porcentaxe de votos ao respecto de 2009 e 102 deputados, pero debemos ter en conta que o sistema electoral grego regálalle de xeito automático ao partido que gaña as eleccións 50 escanos, neste caso sumáronselle a Nova Democracia e de non ser así a perda tería sido moito maior.
Esta derrota do bipartidismo grego ten unha grande importancia se temos en conta que representan a voz dos poderosos e dos que ditan as únicas medidas que, segundo nos repiten machaconamente, se poden adoptar para rematar coa crise, unhas medidas que se resumen en: eliminación de dereitos sociais, privatizacións, degradación das condicións de vida, pobreza e sofremento…

O outro dato a salientar é que desde o pasado domingo o parlamento grego conta cun 25% de escaños ocupados por deputados e deputadas de esquerda (52 de SYRIZA e 26 de KKE) destacando o importante avance de SYRIZA que acada un sorpresivo segundo posto sumando 39 deputados aos 13 que acadou en 2009, no caso dos comunistas do KKE o seu modesto aumento de 5 deputados é menor do que se prevía.

A entrada de Aurora Dourada no edificio da Praza Sintagma sendo procupante ten unha importante compoñente de reformulación do espazo da extrema dereita, pois á hora de valorar os seus 21 deputados debemos ter en conta a desaparición de LAOS que até o domingo tiña 15 e formaba parte do goberno de Papademus.

O domingo Grecia amosou ao resto de Europa que é posíbel darlle un golpe ao neoliberalismo e aos seus representantes políticos, un golpe importante sen ben non podemos consideralo definitivo pis queda moito por andar, pero os resultados electorais son unha alegría e abren unha nova situación política que sendo moito máis complexa é ao mesmo tempo esperanzadora.

Veremos o que acontece nas vindeiras semanas e non debería sorprendernos que diante das dificultades para formar o goberno que quere a troika aparezan as amenazas de declarar o país en bancarrota para forzar un acordo estraño ou para condicionar de xeito determinante a dirección do voto nunha posíbel nova convocatoria electoral.