Nova Escola Galega: cómpre seguir adiante

12 maio 2012 23:54 h.

Na primavera de 1983 un mosqueiriño de mestras e mestres, arredor dun cento, xuntámonos para constituír una asociación. Os seus obxectivos eran –son– pular pola renovación pedagóxica, pola galeguización lingüística e pola galeguización curricular, nun marco de escola pública, democrática e innovadora.


Na primavera de 1983 un mosqueiriño de mestras e mestres, arredor dun cento, xuntámonos para constituír una asociación. Os seus obxectivos eran –son– pular pola renovación pedagóxica, pola galeguización lingüística e pola galeguización curricular, nun marco de escola pública, democrática e innovadora.

A fundación de Nova Escola Galega non partía de cero, pois desde mediados dos 70 existían distintos grupos de renovación pedagóxica, algúns dos cales confluíron en NEG. Creo que é interesante para a xente nova coñecer estes esforzos realizados nun contexto difícil, que cobran relevancia nun intre en que tanto a galeguización lingüística como a curricular –só parcialmente acadadas– encóntranse en risco de desaparecer.

Cal era a situación en 1975? No momento da morte de Franco nin se podía ensinar a lingua galega, nin ningunha materia en galego, aínda que algunhas persoas o faciamos. Tomando o exemplo de ciencias naturais, bioloxía ou xeoloxía, as asignaturas que eu impartía no Instituto Castelao de Vigo, a cuestión non era unicamente dar as clases en galego. Pretendiamos ensinar sobre a natureza do noso contorno, a xeoloxía de Galicia, as plantas das carballeiras, os animais da ría de Vigo, é dicir a galeguización curricular. Porén, os libros de texto non abordaban o noso contexto, e en moitos casos nin sequera o español. Neses anos un deles ilustraba o tema das rochas sedimentarias co exemplo do petróleo. Tivemos que elaborar materiais nós mesmos e así, editados por ALBE-Galicia apareceron uns pequenos folletos, parecidos a plaquettes de poesía, sobre as árbores de Galicia, as gándaras ou a lonxa de Vigo.

En agosto de 1976, seguindo o exemplo da Escola d'Estiu de Rosa Sensat que celebrara dez edicións, o Colexio de Licenciados organizou as I Xornadas do Ensino Galego en Os Milagros, Maceda. Perto de 600 persoas asistimos con entusiasmo á súa inauguración, aínda que os policías presentes (os chamados "delegados gubernativos") obrigaron a retirar algúns carteis asinados por partidos políticos (ANPG, PC, MC) que, lembremos, seguían sendo clandestinos. O segundo día uns gardas civís interromperon as xornadas, comunicándonos a súa suspensión. Por certo que un deles, que abaneaba unha pistola, falaba un magnífico galego, conminándonos a desaloxar o colexio e ameazando "Quéimovos!"

Os comezos da renovación pedagóxica en Galicia foron pois turbulentos. Distintos colectivos seguiamos a elaborar materiais en galego e sobre Galicia, algúns eran territoriais, como o Colectivo de Mestres de Bergantiños, outros de infantil, Preescolar na casa, Xirimbao, ou primaria, Picariños, e aínda outros de distintas materias, galego (Avantar), matemáticas (Vacaloura), ciencias sociais (Escola Aberta, XEGA), ciencias naturais (Xilbarbeira), ou latín (Trasancos).

En 1979 apareceu Vacaloura, matemáticas en galego, o primeiro libro editado por Xerais, e en 1980 parecía posible a edición dun libro de Ciencias en galego e comezamos a elaboralo por encargo doutra editorial. Porén o intento de golpe de estado de Tejero o 23 de febreiro de 1981, frustrou o empeño, pois a editorial paralizou a publicación. Publicamos Xilbarbeira, financiado polos autores, e en réxime de venda directa o que ocasionou non poucos problemas e algunha denuncia. Isto é unha pequena mostra de que a galeguización do ensino non foi un proceso doado, nin outorgado graciosamente pola administración, senón conquerido en sucesivas batallas. É neste contexto en que xurde Nova Escola Galega en 1983.

O traballo de NEG a prol dunha educación ao servizo do país viuse recoñecido polo Pedrón de Ouro que será entregado o domingo. Trinta anos despois encontramos que é preciso defender, fronte a un decreto que o nega, que as ciencias, a física e química, as matemáticas, poden e deben ser ensinadas en galego, que o galego serve para facer ciencia. Trinta anos despois o traballo de NEG, como o de todas as asociacións con que comparte obxectivos, segue sendo indispensable.