O domingo eu tamén estarei con quen dá a cara

19 outubro 2012 04:45 h.

  Ao igual que Alba e Xosé eu tampouco penso ficar de costas á situación pola que pasa Galiza, porque tampouco eu teño cara de parvo,  e por iso non teño dúbida á hora de decidir que vou facer o día 21. Teño claro que non votar é dar argumentos a quen hoxe ocupa a Xunta de Galiza para que siga aplicando as mesmas políticas.

Ao igual que Alba e Xosé eu tampouco penso ficar de costas á situación pola que pasa Galiza, porque tampouco eu teño cara de parvo,  e por iso non teño dúbida á hora de decidir que vou facer o día 21.

Teño claro que non votar é dar argumentos a quen hoxe ocupa a Xunta de Galiza para que siga aplicando as mesmas políticas.

Teño claro que houbo quen estivo ao meu carón nas mobilizacións en defensa do idioma, contra os recortes, contra as reformas laborais e das pensións…., e tamén houbo quen non estivo.

Teño claro quen mantivo o cabreo e a indignación non só un par de meses senón ao longo do tempo para convertilos en organización e en propostas de futuro.

Teño claro como din os meus dous himnos que “…Os bos e xenerosos a nosa voz entenden e con arroubo atenden o noso ronco son… “  pois saben que “…non hai salvadores supremos, nin rei, nin tribuno nin Deus…”

Teño claro quen pateou o país ao longo destes tres anos e medio enfrontándose ás políticas de PP/PSOE e poñendo enriba da mesa a defensa da nosa capacidade para producir e xerar emprego.

Teño claro que os servizos públicos de calidade son un dereito e que poderemos melloralos sempre e cando contemos coa capacidade de autogoberno que nos permita decidir a nós sobre a nosa economía.

E como teño claras esas cuestións considero o único xeito de avanzarmos e facerlles frente á dereita e ao españolismo renovar o meu apoio ao instrumento colectivo do que se dotou hai xa trinta anos o nacionalismo, convencido de que Galiza só poderá ser dona do seu destino confiando nas súas propias forzas.

O día 21 é unha cita fundamental para a nosa nación pero non esquezamos que despois do 21 veñen o 22, o 23, o 24, etc… e o nacionalismo seguirá aí construíndo Galiza.