Pasou algo?

20 abril 2013 05:45 h.

Desque o sábado pasado deixei, despois de quince anos, a presidencia de Implicadas no Desenvolvemento, a pregunta repetiuse con suspicacia a cada nova mención do meu novo (vicepresidenta) e vello (fundadora) status na organización. Será que quince anos liderando unha iniciativa cívica de maneira voluntaria non son suficientes? Ou será máis ben que vivimos nunha cultura da eternización nos cargos e da creación de “furanchos de”? O natural sería a rotación e non ver cada saída dunha persoa representativa como o resultado de algún tipo de conspiración ou simple mal ambiente. Pero xa se sabe que o natural é un construto como outro calquera e que seguramente se todo o mundo pensa así é porque o habitual no noso país é que ese sexa o proceso de abandono dun cargo.

Por sorte, en Implicadas somos diferentes ata para iso porque todas as persoas que estamos na directiva hai moito tempo que entendemos que para que unha organización teña entidade como proxecto social debe ter continuidade por enriba de persoas concretas e soporte dende a base. Nos últimos quince anos puxemos a andar unha organización precisamente dende ese punto de vista, nun traballo que vai moito máis ao fondo sen desatender a superficie.
 

"Unha cultura organizativa que ensina a buscar o apoio e a saber sempre que onde non podemos chegar cada unha a nivel individual podemos chegar como equipo, como colectivo, como comunidade"
 

Mirando cara atrás dende esta distancia dos quince anos, cando comecei de forma incerta pero decidida un camiño cara ao descoñecido, hai moitas cousas que me conmoven e todas elas teñen que ver coas persoas e co que somos capaces de conseguir. Conto nese camiño tanto as compañeiras do Sur, que para min son a inspiración e o alento permanente para non decaer nunca, pase o que pase, como as persoas que dende este lado demostran que as cousas se poden facer doutra maneira a todos os niveis e que a cooperación non ten por que ser esa farsa neocolonial de peniña pola outra senón un acto de responsabilidade crítica feminista, que nos incomode e descoloque para poñer as cousas noutro lugar: o da xustiza.

Todo ese traballo que cada vez máis xente en Galicia observa con cariño e no que cada vez é maior o número de persoas que ademais de mirar poñen as mans, só é posible grazas a un excelente equipo integrado polas nosas compañeiras do Sur, polas preto de 200 socias e socios que axudan cos seus cartos a apoiar o seu traballo, polas máis de 50 voluntarias permanentes que somos o corazón da organización e polas decenas de miles de persoas ás que chegamos de forma directa ou indirecta cada ano. Todo ese traballo é o que nos axudou a pechar 2012 cunha situación de estabilidade económica sen par, cun 70% de recursos propios e pudendo falar dos recortes non dende a posición de perigo do noso proxecto, senón dende aquela que reclama xustiza para as cidadás do Sur e a reflexión de como a nosa miseria e a delas provén da mesma raíz e polo tanto hai que atallala man a man establecendo alianzas. Esas nas que traballamos dende hai quince anos e que tan ben describe a cantora Aline Frazao para a cidadanía do primeiro mundo: “Se a minha liberdade nao existe / A tua é só aparência.”.

"Porque os cargos e as persoas individuais ao final son irrelevantes, o importante é facer que o colectivo se mova e que andemos por novos camiños".
 

O fundamental de todo isto é se cadra o menos evidente e o aspecto do que máis orgullosa me sinto: a nosa cultura organizativa. Unha cultura organizativa baseada na participación directa, na que hai espazo para a creatividade das persoas, para falar con claridade, tamén para xestionar os conflitos cando aparecen e para marcar as liñas que indican as posturas que poden aceptarse e as que non . Unha cultura organizativa que axuda ás persoas a asumir novos retos e papeis de responsabilidade, a formarse, a analizarse, a decidir, equivocarse e aprender. Onde entendemos que a seriedade no compromiso é fundamental porque de nós dependen outras persoas, sexa para organizar unha exposición ou para poder levar a cabo coas mulleres de Salem un programa de erradicación do infanticidio feminino. Unha cultura organizativa que ensina a buscar o apoio e a saber sempre que onde non podemos chegar cada unha a nivel individual podemos chegar como equipo, como colectivo, como comunidade, apoiándonos nos bos e nos malos momentos.

Implicadas no Desenvolvemento ten hoxe unha nova presidenta, Ania Piñeiro, e ao seu carón un movemento de persoas que fai de nós o pobo que nós mesmas e o mundo merecemos. Porque os cargos e as persoas individuais ao final son irrelevantes, o importante é facer que o colectivo se mova e que andemos por novos camiños. Aí atoparédesme sempre coa man tendida.

E basicamente isto é o que pasou.