José Manuel Rey Varela, ex alcalde de Ferrol e aínda presidente da Fegamp, xa é conselleiro


José Manuel Rey Varela, ex alcalde de Ferrol e aínda presidente da Fegamp, xa é conselleiro, en concreto de Política Social, o novo departamento creado polo presidente Feijóo, o mesmo presidente que hai só uns anos anunciara a fusión dos gabinetes de Mar e Medio Rural para aforrar custes. Hoxe, logo da última remodelación, o emocionado Feijóo vólveos desligar, nun recoñecemento explícito do seu propio fracaso anterior. Cousas. Pero Rey Varela, diciamos, é xa conselleiro e, logo de ser nomeado polo inquilino de San Caetano como responsábel da campaña electoral para as vindeiras eleccións autonómicas, hai quen ve nel, mesmo algún analista de potentes medios de comunicación, o sucesor do propio Feijóo se este decide, finalmente, marchar a Madrid para liderar o proxecto “nacional” dun PP decadente. Rey Varela é, pois, o golfiño. 

Hai quen ve nel, mesmo algún analista de potentes medios de comunicación, o sucesor do propio Feijóo

Avalado polos mellores resultados obtidos por unha candidatura urbana do Partido Popular, e tamén do teito histórico da formación na cidade naval, Rey Varela é, malia súa xuventude (40 anos), un “vello” da política municipal. Foi nas candidaturas do ex alcalde Juan Blanco (1995 e 1999) e en 2002 entrou na corporación como concelleiro, cargo que mantivo, con algunha alternancia no pleno da Deputación coruñesa, até agora. Non se lle coñece máis experiencia laboral na empresa privada que unha breve estadía na asesoría do tamén ex alcalde popular Juan Juncal (2003-2007): non ha lugar, pois, a dubidar do seu coñecemento da realidade socioeconómica da cidade que o elixiu e que esmorece presionada polo desleixo dun Estado que a empequenece desde hai décadas con sucesivas “reconversións” navais e a somete ás directrices dun Ministerio de Defensa omnipresente. 

Mais o epílogo da traxectoria de Rey Varela no sillón da Praza do Concello non é xa a actitude mansa e morna a respecto destes dous grandes problemas de Ferrol, senón o lamentábel episodio que se produciu coa suposta entrada en funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais –EDAR, unha infraestrutura declarada a finais dos anos 90 de interese xeral do Estado e para a cal o Estado non achega nin un só euro. Si o están a facer os veciños e veciñas de Ferrol a través dunha taxa de saneamento que está nestes intres suspendida logo de que o actual goberno local detectara que a depuradora non funcionaba aínda e que, polo tanto, non había feito impoñíbel no que sustentar o cobro da devandita taxa. Eis o epílogo de Rey Varela na política local de Ferrol e a mellor carta de presentación para unha consellería que cheira a electoralismo mais que se revela como un premio para o alcalde que nunca dixo non.