Que digan claro que non teñen nin idea

08 xuño 2012 16:36 h.

Que o digan claro. Que non teñen nin idea. Rajoy e Dewindows e todos os outros. Que non teñen nin idea de como sacarnos desta. Que deixen de remitirnos ao futuro: “a fin de ano isto mellora”, dixo a patronal; ou o presidente do BBVA, “imos mellorar antes do que se pensa”. Lembrade. Era o seu infantil argumento: votádenos ao PP, que sabemos como sacar a España da crise. Mais seica non sabían.

Que o digan claro. Que non teñen nin idea. Rajoy e Dewindows e todos os outros. Que non teñen nin idea de como sacarnos desta. Que deixen de remitirnos ao futuro: “a fin de ano isto mellora”, dixo a patronal; ou o presidente do BBVA, “imos mellorar antes do que se pensa”. Lembrade. Era o seu infantil argumento: votádenos ao PP, que sabemos como sacar a España da crise. Mais seica non sabían. E xa daquela sabían que non sabían. Porque non só non nos sacan senón que a cada día que pasa a sensación é peor. E ollo, entendédeme. Non é que cada vez sexa peor porque cada día vemos máis claro que isto vai estoupar, senón que cada día é peor porque se lles nota con máis claridade a súa burremia e incapacidade para atopar solucións. Por iso Rajoy anda desaparecido. Ou anda por aí, lucindo palmito de Sanjenjo nos foros internacionais, lonxe da nosa realidade, na súa burbulla de home de estado.

Por vez primeira na vida teño a sensación de que estou en mans de incompetentes moi incompententes. De incompetentes de manual. Bótanlle a culpa aos mercados. Como se eles non tivesen a capacidade, se tivesen o que hai que ter (a saber, vontade política) de regular eses mercados para que empecen a comportarse en favor da xente e non contra da xente. Por primeira vez na vida sei que estou en mans de medianos, de limitados, de pobres intelectos incapaces de entender nada de nada. Imaxínoos rezando aos deuses nos que creerán para que a Bolsa non se esfarele, para que a prima de risco non sega infándose, para que, a ver se hai sorte e por casualidade isto se amaña só.

Que o digan claro. Que non teñen nin idea. Que non saben. Que non son capaces. Que nin se lles ocorre como. A sensación é esa: dependendo de por onde saia o sol, hoxe o día irá dunha maneira ou doutra. Dewindows pídenos que non leamos o Financial Times e que confiemos máis no goberno. Mimá: que petición máis inquedante…

Por primeira vez sinto que Angela, Mariano, Barak, Alberto e todos os demais non teñen nin a máis remota idea de por onde tirar. E iso éncheme de preocupación o corpo, a alma e o futuro. Porque, cando menos, eles e elas si que deberían ter unha mínima idea. Cando menos máis ca min.

Pero igual isto nos pasa porque a media política (non todos, por fortuna) é moi mínima. E se che gobernan mínimos, o mínimo que pasa é que todo se minimiza.

Ata que o globo é tan grande e tan máximo que estoupa, coma sempre, no nariz dos máis febles.