Que dixo Catalunya?

26 novembro 2012 01:24 h.

Tradicionalmente considérase que cando un gobernante decide convocar unha consulta non o fai se non conta con garantías suficientes de gañar; as eleccións ao Parlament catalán de onte foron convocadas por Artur Mas como unha especie de consulta popular sobre o seu proxecto para convertir Catalunya nun novo estado de Europa, proxecto para o que pedía contar cunha maioría absoluta.

Tradicionalmente considérase que cando un gobernante decide convocar unha consulta non o fai se non conta con garantías suficientes de gañar; as eleccións ao Parlament catalán de onte foron convocadas por Artur Mas como unha especie de consulta popular sobre o seu proxecto para convertir Catalunya nun novo estado de Europa, proxecto para o que pedía contar cunha maioría absoluta. Semella que onte a tradición rachou e que CiU non levaba a cousa tan controlada como por exemplo o PSOE cando convocou o referendo sobre a OTAN en 1986.

Unha vez sabidos os resultados debo recoñecer que estou entre os sorprendidos e non por considerar posíbel unha maioría absoluta de CiU, que non entraba nas miñas previsións, senón porque sendo sinceiro non agardaba esa perda tan abultada de 12 escanos.

Onte o pobo catalán elixiu un novo Parlament con maioría soberanista pois fronte ao importantísimo retroceso de CiU aumenta ERC que pasa a ocupar o segundo lugar no Parlament duplicando escanos ao subir de 10 a 21 e entra a CUP con 3; estes resultados amosan ademais o éxito dun soberanismo de esquerdas plural que ten claro que o camiño da nova Catalunya non pode separar soberanía de dereitos sociais. Pero se sumamos a representación das tres forzas que obtiveron representación, CiU, ERC e CUP redúcese a presenza do soberanismo e aínda mantendo a maioría no seu conxunto pasa de 76 escanos en 2010 a 74 agora.

En canto ao resto destaca a caída do PSC menor da agardada, un bo aproveitamento electoral por parte de ICV-EUiA do seu posicionamento contrario aos recortes que lle permite subir tres escanos aínda que na defensa do dereito a decidir seguen a manter as contradicións propias da súa vinculación ao proxecto estatal unitario de IU, e un moi bo resultado en conxunto daqueles que defenden sen complexos a unidade da patria española (PP e Ciudadants).

Entendo que houbo dous elementos que influiron de xeito fundamental nos resultados:

-A política de recortes sociais executada polo goberno de Mas que non ten nada que envexar á do PP no goberno estatal, non dándolle réditos a tentativa de agachala envolvéndose na senyera e tentando patrimonializar a reivindicación do dereito a decidir do pobo catalán. Pois unha parte do electorado desconfiaba da sinceridade do seu discurso independentista e outra quería unha folla de ruta que unira soberanía e dereitos sociais.

-A coincidencia de Mas e Rajoy en darlles a estas eleccións unha clave estatal, no caso do primeiro convertíndoas nunha confrontación con España e coa súa unidade, e Rajoy transmitindo a mensaxe de que nas eleccións catalanas estaba en xogo a unidade da patria. Esta clave moi probabelmente foi a que mobilizou a sectores da sociedade catalana que tradicionalmente son abstencionistas nas eleccións autonómicas pero participan nas estatais, producíndose unha participación máis de 10 puntos superior ás eleccións de 2010.

Ábrese un novo e complexo período en Catalunya, tanto na conformación de maiorías que faciliten a gobernabilidade como polas moitas interrogantes ao respecto do camiño a seguir cara a consecución da soberanía.

O positivo, que o soberanismo de esquerdas aumenta en moito a súa presenza parlamentar contando co apoio de máis do 17% das persoas que foron votar e 24 escanos.

Para a reflexión, até que punto a forte e continuada mobilización social a prol do dereito a decidir (manifestación do 11 de setembro, referendos soberanistas nos concellos, creación da assemblea nacional catalana, etc…) foi quen de traducirse xa en apoio electoral?