Sector naval: un problema político, non de xestión

12 decembro 2013 08:45 h.

O sector naval ten sido historicamente un dos motores industriais da Galiza.

O sector naval ten sido historicamente un dos motores industriais da Galiza. Neste momento ese motor está parado como consecuencia da adopción de políticas por parte de instancias de poder situadas fóra do noso país, digamos Bruxelas ou Madrid. Este é un problema político, non de xestión, non ten a ver coa maior ou menor eficacia dos executivos de Navantia. É un problema que remite para a forma en que a nosa economía nacional se insire na división internacional de traballo. É un problema que advén do papel que se nos ten adxudicado na actual fase do capitalismo globalizado no espazo da Unión Europea.

Cada día no mundo constrúense máis barcos. Galiza ten traballadores, ten experiencia e ten tecnoloxía. Mais ten tamén as gradas dos estaleiros públicos baleiras, sen encargos. É unha máis das secuelas de non termos un poder político propio, un poder que terme dos nosos intereses. A política do Estado español a respecto do naval galego é claramente colonial: Madrid só se ocupa dos seus intereses nacionais. Para o Estado a baía de Cádiz é un interese nacional. Ferrolterra, non.

Madrid só se ocupa dos seus intereses nacionais. Para o Estado a baía de Cádiz é un interese nacional. Ferrolterra, non.

Isto ten sido así con gobernos de distinto signo político en Madrid porque estamos ante un fenómeno non conxuntural, senón estrutural. Se o Estado ten de soltar lastre -aínda que Navantia Ferrol teña dado beneficios no último lustro e Navantia-Cádiz acumule perdas por máis de 300 millóns de euros-, será Galiza con toda seguridade a damnificada. No sector naval. No pesqueiro. No leiteiro. No eólico...

É hora de que a sociedade galega tome consciencia de onde está situado o asunto: sen un poder político propio este país non poderá desenvolver todas as súas potencialidades e o horizonte, o futuro, xa está escrito no presente: brutal contracción demográfica, récord histórico de desemprego e millares de persoas expulsas do país e condenadas á emigración.

O problema é político e só se pode resolver politicamente. Só se avanzarmos cara a un proceso de ruptura co Estado que nega os nosos dereitos máis elementares , entre eles o dereito a vivir dignamente do noso traballo na nosa terra.