Só son dúas perguntas, señor Feijóo

04 abril 2013 15:54 h.

As polémicas fotos que vinculan o presidente da Xunta de Galiza co narcotraficante Marcial Dorado están a remexer a política galega. Medios de comunicación vindos de Madrid aterraron na Galiza a segunda feira para cobriren o escándalo arredor do fillo predilecto do Partido Popular.

As polémicas fotos que vinculan o presidente da Xunta de Galiza co narcotraficante Marcial Dorado están a remexer a política galega. Medios de comunicación vindos de Madrid aterraron na Galiza a segunda feira para cobriren o escándalo arredor do fillo predilecto do Partido Popular. O que até o momento se perfilaba como sucesor de Mariano Rajoy tornouse no punto de mira mediático pola relación que durante anos mantivera co coñecido contrabandista arousán.

As inquedanzas políticas de Feijóo que o encamiñaban cara á Moncloa comezan a se esvaecer malia o partido pechar filas arredor del.

Após a conferencia de imprensa que o presidente deu en sé parlamentar a pasada segunda feira, a comparecencia que semanalmente realiza logo do Consello da Xunta prevíase animada. Dous axentes da policía que efectuaban un control de medios ás portas da sala de imprensa retiveron uns minutos a esta redactora ás portas da sala para verificar que Sermos Galiza podía acceder ás instalacións --malia a todo, xa nos acreditáramos como tal no control de entrada.

"Esto es unha agencia de noticias?", preguntou en escrupuloso español o axente mentres observaba o carné de imprensa. Após permitir o noso acceso o técnico da Xunta, que achegouse ao ser chamado pola policía, comezamos a comparecencia con 35 minutos de retraso. Chega a quenda de perguntas. Ningunha sobre os acordos adoptados polo executivo galego.

    Queríamos perguntar se, tal e como publicaba El Mundo Feijóo tería amagado con demitir en 2003, con Fraga a non aceitarlle a renuncia

Unha rolda de imprensa monotemática e unha resposta en bucle por parte do presidente que se remitiu constantemente á comparecencia que realizará no pleno parlamentar a vindeira cuarta feira. Pedimos a palabra. O noso obxectivo, saber se o líder do executivo galego presentou a súa demisión en 2003 ao presidente Fraga. Segundo recolleu esta semana o diario El Mundo, Alberto Núñez Feijóo tería posto o seu cargo a disposición do ex-presidente por temor a que a publicación das fotografías con Marcial Dorado revertesen negativamente no goberno galego. De ser certo, a relación entre o narco e o daquela alto cargo da Xunta iría para alén do recoñecido por Feijóo.

Neste senso, en 2013 e após publicárense as fotografías, o presidente da Xunta tería máis motivos para presentar a súa renuncia ou, cando menos pór o seu cargo a disposición do Parlamento que o elixiu, como demandan os grupos da oposición.

    Se tiña razóns para demitir en 2003, moito máis as teráa en 2013, con el agora como presidente. Ou non? Iso tamén llo queríamos perguntar

"De que medio eres?", inquírenos a traballadora do gabinete de imprensa da Xunta. "Sermos Galiza" respondemos. Porén, cando este meio se dispuña a tomar a palabra anuncian que as preguntas finalizan e que non se dará o micro a ningún medio máis. Dirixímonos entón á responsábel de comunicaciónd a Xunta e lembrámoslle que é a nosa quenda para formular perguntas, tal e como combináramos previamente. "Ya sabemos lo que vas a preguntar", espeta. "Y total, el presidente ya ha respondido".

O resto... é noticia.