Somos persoas, non datos

28 Xullo 2012 07:17 h.

Onte venres, o Fondo Monetario Internacional, esa ONG xenerosa que nos ama e desvea cada noite pensando na pobreza do Terceiro Mundo, volveu informar de que o estado español non vai acadar os obxectivos de déficit cando menos ata 2016. E que aínda que valoran os recortes –manda truco que valoren iso- o paro vai seguir, a pobreza vai medrar e mira, que vos fodades, con perdón.

Onte venres, o Fondo Monetario Internacional, esa ONG xenerosa que nos ama e desvea cada noite pensando na pobreza do Terceiro Mundo, volveu informar de que o estado español non vai acadar os obxectivos de déficit cando menos ata 2016. E que aínda que valoran os recortes –manda truco que valoren iso- o paro vai seguir, a pobreza vai medrar e mira, que vos fodades, con perdón. E diante deste informe, para nada sorprendente porque é máis do mesmo, Soraya Sáenz de Santamaría, esa monxiña da caridade, afirmou, segundo as crónicas de cortapega da prensa de Madrid, e da de aquí, que o goberno seguirá actuando con rotundidade e firmeza, atención, “para mellorar os datos”. Iso é o terrible. Que non pensan nas persoas. Senón nos datos. En que lles saian as contas. Os datos.

Que nos consideran mercadoría xa o sabíamos hai moito tempo. Que nos tratan coma cousas, tamén. Pero o que non sabíamos, aínda que a sospeita si que existía, é que somos datos. Números. Díxitos. E isto é o que demostra, para sempre, que os mercados son os que de verdade mandan. Soraya Sáenz de Santamaría, á que chamarei SSS para abreviar e, sobre todo, para amolar, amosa a preocupación do goberno non en mellorar as condicións de vida das persoas, nin o seu nivel educativo, nin en recortar a desigualdade, ou en facer medrar a cultura. O que lles preocupa é ser quen de entrar dentro dos parámetros matemáticos, numéricos, friísimos, nos gráficos, do que o FMI, os mercados, a bolsa, os brokers, o Banco Central Europeo, as grandes corporacións internacionais, os xeques do petróleo, etc., consideran que debe ser, o que é, o aceptable. E eles, pregaranse. E cando lles casen os datos, virán e daranlles nas costas mentres a nós nos dan por outro sitio. Mesmamente cos datos.

Cando deixamos de falar de persoas e só falamos de datos, saímonos directamente do universo da civilización. E así, vemos aos xenerais felices dicindo que bombardearon tal cidade, e que morreron tantas persoas. Dan un número. E esquécense de que eses números tiñan nome, apelidos, pais, amantes, amigos, que os chorarán. Ou como cada verán, os responsables de tráfico, cando se gaban de que morreu menos xente que no verán pasado, presentando o dato como un triunfo, cando un só morto é xa unha traxedia. Ou cando dan os datos sanitarios. Sempre datos, números, unha cantidade que significativa pero que non significa nada.

A ver se lles queda claro: eu non son un número, non son un deneí nin un nif nin un código de barras. Teño tel, corpo, mente, soños, xente que me quere aínda que resulte incrible, xente á que amo, moita, xente que me ignora e xente que me sigue. Non son un punto nunha gráfica que algún imbécil poida esgrimir nunha rolda de prensa.

 Mentres segan mandando as SSS, profetas cartesianas da álxebra asasina, non sumaremos. Será todo unha resta continua. Ata que lles dea, para nós, cero.