Versos contra cianuro: carta a Marga Romero, que non puido asistir, pero que está á beira de Corcoesto.

14 Agosto 2012 01:07 h.

Benquerida amiga: Cóntoche. Escoitei, este sábado, 11 de agosto, en Ponteceso, as palabras non contaminadas dun fato de poetas. Creo que xa sabes os seus nomes, que están no fermoso cartel que avisa do acto.

Benquerida amiga:

Cóntoche. Escoitei, este sábado, 11 de agosto, en Ponteceso, as palabras non contaminadas dun fato de poetas. Creo que xa sabes os seus nomes, que están no fermoso cartel que avisa do acto. Foi no Couto, onde os veciños coidan con esmero da súa casa común, e alí si, alí si que florea desde hai anos a cultura de noso, e non me digas que estás a pensar nesa que bautizaron como Cidade da Cultura, vixiada, aínda hoxe, impasible el ademán, polo espírito autoritario dun que foi ministro español e que presidiu a autonomía galega.

Nesta casa dos veciños do Couto de Ponteceso, ateigada de xente que escoitaba e participaba, escorreron, este día de verán, sentidos versos. Moi cerca, murmurando, o mar que mira o Monte Blanco, como as notas musicais de Serxio Moreiras, o pianista que improvisaba sobre as palabras que no Couto se debagaban, limpas, poéticas, sobre un fondo coa forza dun lenzo que pintou, como mostra de solidariedade, o artista Nolo Suárez. [email protected] contra o cianuro que quere depositar en Corcoesto unha compañía canadense, apoiada polos políticos de garda.

Xa sabes que Corcoesto, que foi capital municipal, pertence na actualidade a Cabana de Bergantiños. Pero alí non hai espazo para a disidencia. Os poderes municipais, e vasme permitir que lles chame poderes escuros, non ceden locais. Porque o acto está convocado pola Plataforma de defensa de Corcoesto, que se opón ao proxecto de abrir, nunca mellor dito, unha mina a ceo aberto. Ou sexa, mover toneladas e toneladas de terra, destruír monte, estragar auga, limpar as pedras con cantidades industriais de cianuro, e podo asegurarche que falamos de cifras que meten medo: 1,4 Tm diarias de veleno, segundo datos dos propios autores do proxecto.

Despois, moi sinxelo. Nós, señores multinacionais, neste caso do Canadá, chamados Edgewater Exploration Limitedou Corcoesto Gold ou como nos pareza mellor, nós levamos o ouro, que se paga moi ben nestes tempos de crise. O veleno fica aquí, en Corcoesto (Corcoesto: sempre gustei do topónimo; non che pasa a ti o mesmo?). E non sei de que vos asombrades, se xa temos outro proxecto moi semellante en Ghana.

Non quería esquecerme de contarche que un día de maio, cando a a Plataforma de Corcoesto invitou compañeiros e compañeiras da parte de Tapia de Casariego, onde a mesma compañía pretende instalar una mina de iguais características, os visitantes ficaron abraiados. Non había onde reunirse. Houbo que os recibir con paraugas abertos, diante da igrexa parroquial, ou sexa no cemiterio. Chovía a varrer.

Estes políticos dos que falamos toman represalias contra quen non estea de acordo. A un dos poetas que asistiu ao acto xa lle pasaron o mandado. Que se esquecese de aquí en diante de axudas municipais. Que o libro para o que ía ter unha subvención xa podía gardalo nun caixón. Aínda que o conto é para chorar, haberá que recorrer á ironía, por rir un pouco, e falar de comportamento político democrático, que será logo como debemos describir a actuación desta xente que non ama as augas do noso poético Anllóns.

Non me vou estender en como, estes amigos do cianuro, defenden o interese da explotación mineira. Capitaneados por Núñez Feijóo, prometen postos de traballo a esgalla. Dise na contorna que xa están a ofrecer inexistentes contratos laborais coa Edgewater, e mais un mundo de prosperidade para a bisbarra. E, canto toca falar de danos ambientais, pois daquela utilízanse os argumentos desa teoría físico-política inventada no 2003, o ano do desastre do Prestige. Xa sabes, falamos da Teoría dos Hilillos de Plastilina, que, con algunha variante, pode aplicarse ao chapapote, ao ácido sulfúrico, ao cianuro, a calquera substancia contaminante.

En fin, Marga. O acto foi sinxelo e fermoso, intenso, sentido, e xa me dixeras, antes dese día, o moito que che gustaría estar alí. Pero non me sorprendería se, ao remate do recital, ti opinaras o mesmo que unha muller que dixo: 

-Estivo moi ben, pero non é dabondo. Temos que mos mover aínda moito máis para que isto non vaia adiante.

Eu estou de acordo. Porque hoxe estamos a falar de Corcoesto, pero sábese que a veta de ouro vai desde Malpica a Tui. E se non os freamos en Corcoesto, estes señores da Edgewater sonche ben capaces de deixarnos cuberto de veleno o país, desde a Praia de Area Maior até o río Miño. Éche o que nos faltaba, non che parece?

Unha fonda aperta