Ás veces é difícil buscar un oco por onde saír adiante, na vida en xeral, pero tamén na profesión que escolles. A música, entendida como profesión, xira entorno a moitos factores que nalgunhas ocasións non dependen do teu valor como artista. Moitas veces, ou a maioría, ter éxito ou fracaso profesional procede da sorte ou do que outras persoas poidan facer por ti, dos contactos que teñas ou das condicións económicas ás que teñas acceso. Todas coñecemos casos de grandes profesionais que ao mellor non acadaron o recoñecemento que merecerían. Ese tipo de situacións provocan frustración e estrés e incluso fan que podas perder de vista o amor pola música.  

Toda esa frustración é moi mala de reciclar sen as ferramentas adecuadas, pode converterse en algo velenoso ou podes recollela para transformala en algo fermoso, nunca se sabe. A música ten estas cousas. Un día estás voando como papaventos e outro, estás pensando en deixalo todo. Persoalmente, podo dicir que estiven nos dous extremos e por iso desde este humilde curruncho que me presta Sermos Galiza, quero falarlle aos músicos e músicas que pensen que deixar esta profesión a un lado poda ser o mellor camiño.

A xenerosidade da música non ten límites, é incluso un arma de sanación masiva. Unha vez que a música está dentro de ti non podes quitala. Así que o mellor que se pode facer  se estás nunha encrucillada, é liberarse das presións sociais que che fan competir contigo mesma e cas outras.  Rodéate de boas experiencias, de persoas apaixonadas que disfeuten tocando,  vivindo a música e o resto ha de chegar só. Seguro.