Seguro que na vosa memoria gardades unha canción riquiña. Esa cantiga que xa non pertence a ninguén. Non ten dono porque nos pertence a todas. Na miña memoria gardo unha cantiga tradicional, unha pequena canción mariñeira ben coñecida. Lembro escoitala nas reunións galegas que se facían na miña casa en Bos Aires. Hai melodías que traspasan fronteiras para formar parte do legado familiar.

Durante o ano e medio que estiven xirando con Luar na Lubre, tiven oportunidade de levar esta cantiga a moitos sitios. Sempre que a presentaba nos concertos, contaba a mesma historia: Había unha vez unha canción pequena que chegou a todas partes polo simple feito de ser fermosa. Vén dun lugar onde o mar é moi bravo e a xente loita a diario por saír adiante.

O lugar de Camariñas é ben curioso. De primeiras pode parecer hostil se vos cadra unha nordestada, pero se vos parades a escoitar as súas rúas un anaco, descubriredes moitas historias de vida. A canción de Camariñas é a máis riquiña que coñezo, por humilde, feiticeira e porque fala da paisaxe e das mulleres do lugar. Esa que di: “Ao pasar por Camariñas, pasei cantando”. Seguro que a estades cantando ao ler estas liñas.

Estes días participei nun proxecto singular chamado “Eu son Camariñas” que pretende avivar o orgullo de formar parte deste concello. Destacar non só a paisaxe, senón tamén o que representa o seu futuro: a mocidade camariñana. Foi moi emocionante achegar o meu gran de area a un proxecto que vai máis alén dunha simple campaña promocional. Un proxecto que xoga coa emoción de cada un de nós, da nosa raíz e da nosa infancia.

Poder ensinar o lugar do que falaba cando presentaba a canción de Camariñas foi toda unha experiencia, desas que quedan gravadas. Se podedes, botádelle un ollo e unha orella. Estrearáse na feira do Encaixe en Semana Santa. Cal é a vosa canción riquiña?