Desde 1980, ano de xubilación de Ricardo Carvalho Calero, houbo xente interesada en situar a súa figura nun exilio interior ou ostracismo, situación que se agravaría a raíz do seu falecemento en 1990.

Son coñecidas as contradicións e presións que, até hoxe, impediron á RAG declaralo protagonista do Día das Letras Galegas. Non é, pois, brincadeira afirmar que o primeiro docente de lingua e literatura galegas na Universidade de Santiago, o pai lingüístico de varias xeracións, foi vítima dun interesado esquecemento. El mesmo definiu esa realidade : “... certas elites entenden que non deven realzar a personalidade dun disidente... e que nen como estudoso nen como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan”.

Con certeza, nesa xenreira influíu decisivamente o feito de don Ricardo defender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico galego-portugués, opción diferente, xa que logo, da oficial. Mais tamén a súa exemplar dignidade persoal, a súa independencia cívica e a súa coherencia fronte aos que, como el escribiu, o deixaron só, “fundando unha colónia co mesmo nome”. Nese sectarismo persistiron até hai uns días.

Non obstante, en diferentes lugares do país, tamén houbo actividades diversas encamiñadas a reivindicar a figura do profesor Carvalho Calero. En 2010, 2011, 2013, 2014, 2015, 2016, 2018, montáronse en Ferrolterra comisións encamiñadas a promover a concesión das Letras Galegas a Carvalho Calero, que acadaron, en todas as ocasións, abondosos apoios institucionais, asociativos e particulares. Recolléronse sinaturas, organizáronse recitais, conferencias, exposicións..., para que lle fóra dedicado o Día da nosa lingua e cultura a don Ricardo, “esgrévio” galeguista que ao longo de máis de sete décadas desenvolvera un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, académico, lingüístico, docente, político a prol da Galiza, da nosa lingua e da nosa cultura. Porén, a Real Academia Galega nunca tomou en consideración positiva a proposta. Sempre apareceu algún pero que lle apor.

Neste  xuño de 2019, tanto quen na RAG sempre defenderon a figura de Carvalho Calero como quen a el se opuñan,  van propor as  Letras Galegas 2020 para don Ricardo, un xigante nun país de [email protected] [email protected] Avaliamos como moi positiva esta decisión e facemos votos para que a sociedade ferrolá e a Galiza enteira tiren o máximo proveito desta circunstancia.

Porén, afirmamos  que o pensamento e obra de D. Ricardo vai alén do Día das Letras  e convidamos aos nosos cidadáns a seguir reivindicándoo. O noso contributo será a publicación “Hei de entrar no meu povo. Reivindicarmos Carvalho Calero”, libro que, da man da editorial Embora, verá a luz en breve.

O artigo está asinado por: Xosé María Dobarro, Xosé Manuel Pazo, Bernardo Máiz e Vitor Santalha.