Un custo insignificante

Berta Dávila - Escritora


O ministro Wert reservou cinco millóns de euros na memoria orzamentaria da nova lei educativa para que os contribuíntes paguemos a escolarización nun centro privado das nenas e nenos cuxos pais non queren que estuden en catalán, coa previsión de que os afectados sexan potencialmente mil alumnos.

 

O ministro Wert reservou cinco millóns de euros na memoria orzamentaria da nova lei educativa para que os contribuíntes paguemos a escolarización nun centro privado das nenas e nenos cuxos pais non queren que estuden en catalán, coa previsión de que os afectados sexan potencialmente mil alumnos.

Cuestiona así o modelo de inmersión lingüística que a investigación sobre educación en linguas en contextos multilingües sinalou como o máis positivo, non só para o obxectivo de subverter os procesos de substitución lingüística das linguas minorizadas e garantir a pervivencia do idioma propio, senón tamén para a mellora da competencia lingüística da infancia actual e da cidadanía de mañá.

Tamén di o ministro Wert que, se o número de alumnos que se acollesen a esta medida en Cataluña ascendese a un total de dezasete, como adianta a Generalitat que sucedería, o custo desta medida sería insignificante, unha insignificancia que, facendo un cálculo sinxelo, supón unha suma total de oitenta e cinco mil euros. 

"Mais no caso da poesía escrita especificamente para a infancia na nosa lingua, a situación é aínda máis preocupante se temos en conta que foron 11 os libros que viron a luz no ano do vento Lois e do 15M".

Segundo o Informe de Comercio Interior do Libro, editáronse en lingua catalá, sen contar a tradución, 190 libros de poesía e teatro no ano 2011, unha cantidade exigua como tamén o son as 63 obras editadas en galego no mesmo ano e dos mesmos xéneros. Mais no caso da poesía escrita especificamente para a infancia na nosa lingua, a situación é aínda máis preocupante se temos en conta que foron 11 os libros que viron a luz no ano do vento Lois e do 15M.

A suma que servirá para restarlles o catalán a dezasete cativas e cativos, esa miúdeza, esa insignificancia, sería suficiente, por exemplo, para dar emprego a catro mestres de apoio da escola pública, para aboar o material escolar de comezo de curso a catrocentas familias que o precisasen e, si, tamén para triplicar a nosa produción anual de poesía infantil. Deste xeito, mentres a liquidación da lingua propia abrirá un ciclo de feridas, derrotas e carencias, a poesía acendería unha luz de futuro na infancia en formación. 

Antonio García Teijeiro, mestre comprometido co ensino e coa literatura, e autor fundamental da poesía escrita para nenas e nenos, situou o cerne da palabra poética na súa dimensión ética e estética no ensaio A poesía necesaria (Galaxia, 2009). 

Fica claro que o ministro Wert, polas súas accións e polas súas palabras, non coñece a ética nin a estética. Tampouco a poesía. Porén, os nosos nenos e nenas, precisan dela máis que nunca.



x