O texto que reproducimos a continuación ía ser a defensa dunha pequena emenda a presentar no plenario de En Marea. Por razóns que non veñen ao caso, non se chegou a tramitar nin a defender e, por tanto, non foi aprobada.

O grupo que a presentamos consideramos que se perdeu unha oportunidade para avanzar no debate e implantación da Renda Básica, unha medida, na nosa opinión, necesaria e imprescindíbel, se ben non a única, para rematar co medo, a desesperanza, a desigualdade... en definitiva o Feixismo, que está a traernos esta crise.
 

A urxencia do debate segue vixente. Como forma de promocionalo reproducimos neste xornal o texto que íamos ler na asemblea:

Porque case ninguén con menos de 40 anos ten un emprego con condicións dignas. Porque ter un salario xa non quita a pobreza. Porque hai moita xente que nin ten un salario, nin perspectivas de telo. Porque necesitamos unha alternativa.

Porque estamos en tempos de tópicos, obviedades. Evidencias. Como esa pantasma que recorre Europa. E o Mundo. E que non é o comunismo. Nin a esquerda. Porque quen se nos pasea por diante dos fouciños é a Ultradereita. Le Pen, Salvini, Trump, Putin, Bolsonaro... 

Porque hai medo. Ese medo que pide Autoridade contra o propio medo. Contra a falta de esperanza. E porque hai quen está disposto a ser a Autoridade. A Autoridade Competente, por suposto. Porque se a Autoridade Competente toma o poder, agárdanos outra longa noite de pedra.

Quen se nos pasea por diante dos fouciños é a Ultradereita. Le Pen, Salvini, Trump, Putin, Bolsonaro... 

 

Porque a pantasma non é outra que o monstro de que falaba Gramsci, o que aparece cando un mundo vello non morre e o novo non dá nacido. Unha tecnoloxía nova, a automatización, que anuncia o novo día nun sistema moribundo, que xa podrece. Outro tópico, outra obviedade. Tamén evidente.

Queremos unha Renda básica para conquerir esa esperanza que acabe co medo. Para termos un solo dende o que construír unha vida. Para facilitar a emancipación dos mozos e das mozas. Para empoderar as mulleres que aínda dependen economicamente dos seus maltratadores. Para termos unha educación que forme persoas e non só empregados. Para conquistar ese outro mundo posíbel que hai tanto tempo que sabemos que existe.

Unha Renda básica que acabe con esa chantaxe de emprego que nos obriga a esixir calquera traballo por prexudicial, perigoso ou inútil que sexa. Que mantén funcionando Ence, que nos ameazou con Corcoesto, que nos ameaza agora cunha mina en Touro. Que obriga a elixir entre fabricar armas que matan xente no Iemen ou pedir pan para os fillos e fillas das persoas traballadoras. 

Queremos unha Renda básica para conquerir esa esperanza que acabe co medo

 

Unha renda básica onde os/as traballadores/as sociais recuperen as súas funcións, axudando en situacións de emerxencia, loitando contra a exclusión ou a marxinación social, apoiando as persoas, e non exercendo de inspectores/as da súa vida privada para demostrar que son necesitadas, excluídas... fracasadas.

Queremos unha Renda Básica porque é financeiramente posíbel. Dende a esquerda, dende a reforma fiscal. Permitindo unha redistribución do 20% con máis recursos ao 80% con menos recursos.

Unha Renda Básica de verdade, unida a un reforzo do estado do benestar. Unha Renda Básica unida a unha vivenda para todos, sen medo a desafiuzamentos, sen pobreza enerxética, Unha Renda Básica con todos os dereitos, sen os cales non hai unha Renda Básica digna de tal nome. 

Queremos unha Renda Básica porque é financeiramente posíbel. Dende a esquerda, dende a reforma fiscal

 

Unha Renda Básica que nos permita vivir porque nacimos. Sen máis. Sen que ninguén nos obrigue a gañármonos a vida como se non tiveramos dereito a vivila.

Porque unha Renda Básica é posíbel.

Porque unha Renda Básica é necesaria.

Renda Básica Xa.

 

 



x