O vindeiro 10 de agosto ás 20h na Praza da Peregrina todas as pontevedresas e pontevedreses temos unha cita para emendar unha nefasta parte da historia da nosa cidade, as touradas.

A manifestación antitouradas deste 2019 é unha das máis importantes dos últimos anos. Como sabemos, se a día de hoxe aínda hai touradas en Pontevedra é debido a que a Xunta de Galiza (gobernada polo Partido Popular) fai delas unha excepción na Lei de Protección Animal. A barbaridade que lles realizan aos touros sería delito en calquera outro animal mais é “cultura” no caso do touro. Así, no vindeiro 2020 temos cita electoral para mudar o goberno autonómico polo que se abre unha oportunidade para que as forzas políticas abertamente antitouradas sexan maioría e poidan eliminar esta excepción de dita lei, poñendo fin, dunha vez por todas, ás touradas no noso país.

Queremos que a nosa cidade sexa coñecida polo seu casco vello, as festas da Peregrina, a Feira Franca, o Culturgal, a Feira do Libro ou a celebración do mundial de Triatlón pero nunca por unha sádica e allea tradición que consiste en torturar a un animal

Ademais, sairemos á rúa para demandar cuestións  importantes como a supresión do convenio que o Concello de Pontevedra mantén co empresariado taurino. Dito convenio entrega máis de 30.000 euros para utilizar a Praza para actividades como o torneo medieval da Feira Franca. Pero non só isto, senón que diversas claúsulas permítenlles ingresar os cartos da cantina que se monta no torneo medieval, así como usar o espazo público da cidade para publicitar esta barbarie. Por todo isto, demandamos ao Concello de Pontevedra (institución que consideramos aliada) que siga dando pasos na loita antitouradas como xa fixo no seu momento cando suprimiu as subvencións directas, a compra de entradas e a presenza institucional na praza. Ademáis solicitaremos aos concellos da contorna que non permitan a apoloxía do maltrato animal nas súas rúas e polo tanto impidan a pegada de carteis.

Con todo, somos moitas as persoas desta cidade que consideramos que as touradas non só son froito do pasado senón que danan gravemente a imaxe de Pontevedra. Queremos que a nosa cidade sexa coñecida polo seu casco vello, as festas da Peregrina, a Feira Franca, o Culturgal, a Feira do Libro ou a celebración do mundial de Triatlón pero nunca por unha sádica e allea tradición que consiste en torturar a un animal. Somos a maioría dos pontevedreses e pontevedresas os que queremos acabar cunha parte da nosa historia moi negra. Por sorte, a feira vai a menos (este ano só un fin de semana), a praza non se enche e a cidade comeza a darlle ás costas masivamente.