Unidade na diversidade foi o lema co que Podemos presentou a súa idea de patria plurinacional nas pasadas eleccións no estado español. 

A min o slogan sírveme como posíbel desexo para avaliar a dinámica actual do nacionalismo galego. Diverso, sí, pero bastante desunido. Durante tres exactas décadas (1982-2012) foi realizábel progresivamente a unidade na diversidade por medio dunha ferramenta chamada BNG. Hoxe esa fase está acabada e estamos situados nun novo contexto. 

O debate no galeguismo político é esencialmente organizativo, de cultura política e de actualización na interpretación da sociedade galega. Non é pouco, pero no central non hai un profundo desencontro ideolóxico: a grande maioría [email protected] que vivimos Galiza como a nosa nación situámonos nese caixón chamado esquerda. 

En Amio as esquerdas nacionalistas estalaron en tres grandes pedazos: o propio BNG, Anova e Compromiso por Galicia. Estes tres espazos son os actores relevantes aos que humildemente pretende interpelar este artigo. 

Sexamos realistas: a maioría social do povo galego (que tanto se menciona) non é nacionalista nin o vai ser en dous días. O “target” a duras penas chega ao 20%

Algúns pensamos que era posíbel e necesaria a concorrencia de máis dunha forza política nacionalista na competición electoral, para atraer máis sociedade á construción nacional. Pero o que se está producindo é a loita pola hexemonía dentro dun mesmo espazo sociopolítico. Sexamos realistas: a maioría social do povo galego (que tanto se menciona) non é nacionalista nin o vai ser en dous días. O “target” a duras penas chega ao 20%. Anova aposta por lexítimas e exitosas alianzas coas esquerdas estatais (AGE, En Marea- Podemos) pero esta organización presenta dificultades palpábeis de implantación militante e territorial, e pode acabar convertida no sector galeguista de Podemos. Anova está gañando, aparentemente, a hexemonía electoral no nacionalismo, pero o BNG segue sendo, de lonxe, a organización militante máis forte, inda que cun problema moi acusado nas cidades, que debe abordar radicalmente. 

Que facer ante este momento incerto e contraditorio? Pois camiñar dende xa cara un novo modelo. Que modelo? Quizais sexa útil mirar as esquerdas propias doutros territorios do estado con vontade política e ver como veñen ensaiando con notábel éxito marcas electorais en forma de coalición, que acaban operando como espazos de confluencia. Falo de Bildu ou Amaiur, de Compromís ou de Més nas Illes Balears. 

Alguén pensará que isto xa existe en Galiza, que se chama En Marea ou, mesmo, Nós- Candidatura Galega. En Marea non é unha coalición nacionalista, non é a marca de confluencia do galeguismo político de esquerdas. Podería selo. Pero no seu grande resultado electoral resultou determinante a participación de Podemos e o liderado de Pablo Iglesias. Neste punto unha aclaración: a conformación dunha marca de confluencia das esquerdas nacionalistas non impide unha posterior alianza electoral ou política con outras forzas. Aí temos o recente caso de Compromís, capaz de manter unha posición forte de negociación e autonomía con Podemos, tanto por aglutinar ao valencianismo político como pola súa boa dinámica electoral. 

A conformación dunha marca de confluencia das esquerdas nacionalistas non impide unha posterior alianza electoral ou política con outras forzas

En canto a Nós-Candidatura Galega, resulta obvio que, alén dun resultado electoral decepcionante, foi a aposta dun BNG en dura crise ante o seu propio espazo social. 

Son consciente que para as ideas aquí expostas aínda non se dan as condicións de maduración, de feito parece moi difícil que se dean a curto prazo. Os artigos de opinión son fundamentalmente un exercicio de patinaxe intelectual de quen os escribe. Mais a unidade na diversidade do nacionalismo galego antolláseme obrigada, cedo ou tarde, marcada pola propia realidade do país. 

O relevante é se hai vontade colectiva para construír novas fórmulas para a autoorganización galega, e remar nese sentido. A construción nacional de Galiza, como necesidade social, é un proxecto que navega contra potentes ventos, porque o noso país é moi dependente dos factores esóxenos. O mellor capital do galeguismo político é a xente. Moita xente que pulula dentro, máis tamén fóra, do BNG, de Anova ou de Compromiso por Galicia. 

Quizais un Riazor 2.0 estea agardando por nós.