Do partido en Zaragoza só queda aledarse polo resultado. Nada máis. E que as dúas últimas vitorias, as duas fóra da casa, sirvan para que o equipo gañe algunha confianza para, primeiro, meterse en zona de promoción e seguir crendo e, segundo, para que o equipo recupere o creto perdido en Riazor. 

O equipo de Marí estivo peleón, pero non vale só con ter unha cerca declaración de intencións. O Zaragoza de Víctor Fernández pasoulle por encima ó Dépor, que tivo a sorte e a flor de Pedro Sánchez, o guapo, que unxiu o Pedro Sánchez branco e azul, e fixo que pasase, que se obrase a milagre de gañar un partido que de outro xeito non sería posible. O gol, non estivo mal, aínda que tivo colaborou o porteiro, mal colocado para chapar un balón relativamente sinxelo.

A imaxe do equipo, de impotencia ante o gol, é preocupante se se ten en conta que o Dépor da Romareda foi o de gala. Incluído Saúl, ao que semella que se lle levantou o castigo, logo de que Tino Fernández lle lese a cartilla a Carmelo del Pozo, por incompetente. Aínda así, esperemos que o equipo logre o único obxectivo posible para este equipo en apuros, o ascenso. 

Un equipo de gala, o do teórico mellor cadro de xogadores, non pode dar a sensación de que lle pasan por riba. Foi importante ver que o equipo foi quen de aguantar a porta a cero, unha vez máis gracias o único xogador importante do equipo, o porteiro vigués Dani Giménez. Volveu ser san salvador. Sacou outra papeleta complicada do equipo e foi de novo decisivo para sumar tres puntos. E non foi nunca, nin en dúas, nin en tres…. Dani salvou ó equipo, no mesmo partido, catro veces!!!!! Que está pasando?

Non se pode falar de mellor cadro de futbolistas. A Carmelo xa non lle coa nin a escusa, nin a palabrería. 

Con todo, ten moito mérito o traballo do equipo. O sacrificio. Porque tendo a empanada mental que ten, sen atopar o sitio para mandar, e sen ter ideas asociativas para facer realmente dano, seguir dando esperanza e loitando, ten mérito. A causa podía ser peor. Polo menos, non está desafiuzado e mantense na loita. Pero vaille custar chegar con folgos ata o final. 

A sorte para o Dépor é que depende de si mesmo, porque ten o chance de xogar con dous rivais directos ós que pode facer fronte en Riazor. Aínda que ese tamén pode ser un problema, porque en Riazor a este equipo trémenlle as pernas.     

A fe move montañas, din. Este grupo de futbolistas branco e azuis gañan máis por fe que por xogo. Algo incomprensible se esta frase se pronuncia no primeiro terzo da Liga. E quizais é a fe o único que queda agarrase se vostede é afeccionado deportivista. A fe é crer naquio no que non se ve. O xogo do Dépor non se ve por ningures, tampouco se ve gran perigo nas ocasións herculinas, pero nos dous últimos partidos conseguiu dúas vitorias que voltaron a darlle pulso. 

Agora, só lle queda mover a montaña. A saber, Cádiz, Málaga e Mallorca. Calquera deles, con tal de blindar a sexta praza, para seguir movendo montañas cara o ascenso.