A primeira derrota en Liga do Dépor chegou en Alcorcón despois de perder e quedar eliminado na Copa co Zaragoza. Centrándonos só no de Liga, onde se xoga o obxectivo real da temporada, abríronse as dúbidas sobre o equipo. Porque en Madrid, o equipo coruñés recibiu un baño. Curiosamente, un baño dirixido polo ex adestrador do Dépor, Cristobal Parralo, que, cando estaba no primeiro equipo herculino a temporada pasada en Primeira, colleitou os peores números da historia do club.

O único xogador destacado branco e azul foi o porteiro Dani Giménez, que evitou unha goleada e que o Alcorcón puxese colorado o seu rival. O Dépor non só xogou unha nefasta primeira metade, tamén unha segunda sen ideas para remontar. Co marcador en contra, os de Natxo González deron sensacións de non saber ou de non poder reaccionar. Sen compás. Sen xogo. 

Natxo González ten un problema grave. Por agora, o seu plan naufraga. Non é claro. Cústalle un mundo chegar á porta rival e fabricar ocasións para que os seus dianteiros poidan rematar. O Dépor segue a ser un equipo que non é recoñecible.

Natxo González ten un problema grave. Por agora, o seu plan naufraga. Non é claro

 

Pero o máis sorprendente do partido en Alcorcón foi a escasa profesionalidade de Krohn-Delhi. O técnico tirou do danés para cambiar o partido, pero o mundialista foi expulsado en media hora. É a segunda expulsión esta temporada propiciada polo futbolista con máis galóns do Dépor. Previa á xogada do segundo cartón amarelo, Krohn-Delhi, tiña que sacar unha falta a favor. A decisión do saque da falta foi ridícula, inapropiada, espantosa e dunha falta de conexión coa situación que estaba a vivir o equipo inexplicable. O dinamarqués semella que está incómodo no Dépor e na Segunda División.  
 

Director deportivo e técnico encargáronse de avisar moitas veces que isto da Segunda era un sube e baixa constante. Soou a que se poñían á defensiva mesmo antes de que arrancase a competición. É unha categoría complicada, seguro. Xa se sabía. Pero a derrota en Alcorcón non é cousa de equipos que soben ou baixan, de picos, álxidos ou baixos. ou de ter máis ou menos intensidade. O Alcorcón venceu por convicción, por esforzo, por tomarse o partido en serio, por ter un plan de principio e fin e por ter iniciativa. Todo o contrario que o Dépor, que por agora o único bo que fixo é sacarlle algo de partido ós puntos en xogo, pero sen ningún tipo de brillantez.