Volvendo para casa cruceime coa saída do autocar do Oviedo do estadio de Riazor. Alí había unhas dúcias de seareiros esperando os futbolistas para apupalos. Insultos e máis insultos. Incomprensible! Descargaban o seu enfado contra un Oviedo que, desde o meu punto de vista, fixera un moi bo partido ante o Deportivo. Só lle fallou o gol aos astures. O equipo asturiano tivo posesión, e tamén soubo que facer coa pelota cando a controlou. O Deportivo xogou unha boa parte do partido correndo detrás do balón. Xa que logo, o Oviedo sorprendeu para ben. Ao público, seguro. Posiblemente, aos técnicos pareceralles outra cousa ben diferente. E polo que se viu ao remate do partido, coa ampla apupada do público asturiano, tamén se viu doutra maneira. Está claro que unha goleada en contra nunca se encaixa ben.

A diferenza neste partido foi que o Dépor ten moito material no ataque que funciona ás mil marabillas e que está a ofrecer unha rendibilidade altísima. Esa é unha excelente nova para Natxo González e para Carmelo del Pozo. Ao director técnico do equipo branco e azul non se lle pode quitar ningún mérito deste éxito. O traballo deste verán confírmase agora como excelente. Carmelo fixo, en tempo récord, unha transición moi difícil renovando todo o vestiario case o completo. Era unha misión mol complicada e foi realizándose con moito sentido, deixando marchar mesmo a futbolistas mundialistas que aportarían calidade ao equipo. Natxo e Carmelo, xuntos,  conseguiron armar un bloque solvente e que está dando resultado. E están a gozar dos resultados que deu a misión de facer un equipo totalmente novo e equilibrado. 

Carmelo fixo, en tempo récord, unha transición moi difícil renovando todo o vestiario case o completo

 

O sistema de Natxo, o do rombo, ten o seu risco. Estamos a velo cando o rival consegue plantarse diante do portal de Dani Giménez, sobre todo cando o fai por velocidade. Pero a vantaxe de Natxo é que non todos os rivais teñen homes tan solventes na definición como os que dispón o adestrador deportivista. No caso do Oviedo, inclusive, faltoulles ata unha pinga de sorte. Iso é bo para o Dépor, sen dúbida. Así é como fragou unha vitoria. Ademais, este mismo sistema tamén resulta letal cando opera en ataque. Oviedo e Elxe son un exemplo do demoledor que pode ser. Quizais co Oviedo resultou excesivo. Un resultado abultado, pero xusto porque o Dépor definiu. É a misión que ten cada vez que chega. E cumpriu con ela.  Catro chegadas á portería de Champagne, catro goles. Esa claridade deportivista na área foi definitiva. O Dépor resolveu en xogadas a balón parado e combinando no ataque. Quique González e Carlos Fernández consolidaron e son unha parella harmoniosa e moi perigosa. Unha dupla crucial para que o Dépor viva nun sorprendente estadio de felicidade, unha situación que hai meses que non se coñecía na Coruña. 

O gran problema da categoría, xa se sabía desde que comezou a temporada, é a igualdade que existe. Estáse a constatar mesmo con convidados de pedra, como o caso do Alcorcón. Dirixido por Cristóbal Parralo aí está resistindo con enorme mérito. Ningún dos tres equipos que descenderon en maio están en postos de ascenso directo. Os tres, se hoxe acabase a Liga, tenían que promocionar por unha praza para ascender. Por iso, a insistencia en que o Dépor debe coidar e alongar esta arcadia todo o que poida no tempo, porque, cunha alta probabilidade, nalgún momento chegará o momento da picada de resultados.
 



x