Un descanso para limpar cabezas. Esa era a mensaxe de Natxo González antes de xogar co Almería en Riazor o terceiro partido consecutivo (sen contar o non partido do Reus fóra da casa). Doce días para facer ese traballo. Limpar cabezas. O resultado foi outro partido infrutuoso. Ou chamado doutra forma. As mentiras do fútbol. 

Desde xaneiro, Natxo comezou a poñer escusas. Desde xaneiro, Natxo non ve as cousas claras. Desde xaneiro, Natxo non convence aos seus pupilos. A crise naceu aí e afondou tanto, sen reaccionar en serio para aplicarlle un antídoto, que agora o equipo está en fonda depresión. 

Se preocupantes foron as explicacións do técnico trala decepcionante derrota coas Palmas, inverosímiles resultaron as súas palabras tras o peor partido da temporada na casa ante o Almería, con empate a cero.

Mentres o Dépor siga en postos de promoción de ascenso, a Natxo hanlle quedar escusas que dar, porque os erros do resto de rivais tamén contan. As continuas decepcións do equipo de Natxo son oportunidades estragadas. Unha tras outra.

O Dépor ofrece desde hai semanas un encefalograma plano. É como a nada sobre o terreo de xogo. A nada xoga. Nada ofrece. Tras moitos trocos, nula xestión de vestiario, ningún efecto e máis problemas. Muda aliñacións e sistemas, pero tras as ideas só responde a infertilidade. O equipo non ofrece reacción porque non hai crédito. Un cadro de futbolistas que está tocado por dentro. O diagnóstico de Natxo está errado. Non hai un problema de corazón. É de cabeza.

Certo é que o equipo acusa a ausencia de Carlos Fernández. Unha lesión maldita para o Dépor. Pero un plantel, do que se di que é o mellor da Segunda División, non pode pivotar unicamente sobre un futbolista. Se fose realmente así, a conclusión é que o cadro de futbolistas non é o que se contaba. En todo caso, había que velo no mercado de inverno e cubrir a falta. 

Cando o Dépor xoga en Riazor, case nada pasa. Non só por falta de eficacia. O fútbol que foi é intranscendente. Xoga a perder o tempo, a que pase o tempo para que nada pase. Os rivais chegan a Riazor sabendo que é vulnerable xogándolle con fútbol. Indo de fronte. Plantando cara mentres o Dépor se afoga.

O Dépor perde das disputas, nos balóns divididos, na xerarquía de xogo, na seguridade defensiva, na combinación, no patrón de xogo. Acusa unha falta de liderado total. Non dana o rival nin a balón parado. Perdeu toda a súa forza sen saber onde quedou. A mellor mostra, tras tres contras nacidas dunha xogada a favor -faltas e saques desde o curruncho-, viuse cando Dani Giménez, aproveitando outro balón parado favorable, foi cara ao banco pedirlle ó técnico que puxese un terceiro home para deter as contras letais do Almería. Porque Dani pode salvar o Dépor, pero non indefinidamente. E nunha desas contras, o meta salvou o equipo outra vez. E tivo que ir Dani o centro do campo a pedir un home máis vixiando o Almería. Por unha vez resultou. Á seguinte xogada, as cabezas non estaban onde tiñan que estar e volveu suceder sen solvencia para os andaluces. 

O Dépor ten un líder moi lonxe de onde teñen que suceder as cousas no fútbol. Fáltalle un líder onde se toman as decisións, no banco técnico. Calquera troco que fai non muda nada. Todo segue igual. A chamada lectura de partido é ineficaz. O manexo das empatías tamén están perdidas. Álex Bergantiños, Pedro Mosquera, Saúl o mesmo poden estar no once titular unha semana e a seguinte na bancada, sen pasar polo banco da suplencia. Aí nace a falta de identidade. 

Pero sobre todo falta un líder na zona ofensiva. Espérase que asuma ese papel, por exemplo, Fede Cartabia, pero o arxentino é irrelevante e indolente. 

Xogar en casa pésalle. Na segunda metade da competición vaille mellor ser menos protagonista, ceder a responsabilidade, e resolver desde a cova. 

O equipo de Natxo vai sen rumbo, pero a igualdade da Segunda División fai que o obxectivo de ascender aínda é unha realidade, incluso de forma directa, aínda que esta opción pareza, agora, imposible. 

Hai semanas que o afeccionado branco e azul anda cos ollos cruzados. Tanto mira para riba ó Granada e ó Osasuna, como mira para baixo, cara ó Oviedo, ó Mallorca, o Almería ou ó Spórting.

Natxo está cuestionado. Un traspés en Oviedo é comezar a ter un pe na picota. Mentres haxa promoción vaille quedar vida, salvo unha derrota estrepitosa e indefendible. Pero baixo os pes do vasco hai máis bulleiro que granito.