Crónica dun descenso anunciado

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Non por sabido ou esperado resulta menos catastrófico e decepcionante este descenso. E menos aínda cando o funeral foi amortallándose coa celebración do título de Liga do equipo adversario sobre o propio terreo de xogo onde se velaban aos protagonistas do afundimento entre asubíos, apupos e cánticos. 

O Dépor constatou, por méritos propios, que foi un dos equipos máis irregulares da Liga, mentres que o Barça foi o máis regular do campionato. Un descenso que aconteceu nun día no que o equipo descendido deu a cara, loitando e deixando un bo sabor de boca ante un dos mellores equipos do mundo.

A pregunta é: se o Dépor foi capaz de xogar e bailar de ti a ti co Barça, por que non foi quen de facer o mesmo o resto de partidos da Liga? Por que deixou para o final todos os deberes cando a Liga tivo outras 34 xornadas para dar a cara? Era tan malo o equipo como para ser o terceiro peor da Primeira División e merece o descenso?

A pregunta é: se o Dépor foi capaz de xogar e bailar de ti a ti co Barça, por que non foi quen de facer o mesmo o resto de partidos da Liga?

 

Está claro que polos números que deixan, si. Non hai dúbida nin discusión. Pero non é menos certo que ver ó equipo de Seedorf caendo así resulta moito máis doloroso e tamén incomprensible. Ata Rubén asinou na xornada do descenso un partido de enorme mérito individual. Lucas sacou casta e rabia e quixo liderar a remontada, tantas veces botada en falta neste campionato. A defensa tivo mellor consistencia evitando caer en erros burlescos. Foi máis intenso en ataque e deu mostras de que había entendemento no grupo. Que o equipo semellaba un equipo. Agora si. Pero tarde piaron. Moi tarde. 

Agora que se confirma unha nova tan horrenda como a do descenso caben facerse moitas preguntas. Cando conseguirá o Dépor regresar á Primeira División? Terá pulmón financeiro o club se non consegue recuperar a máxima categoría despois de dous anos (considerando que nas próximas dúas temporadas non cumpre o obxectivo do ascenso)? Con que futbolistas construirá o cadro coruñés a loita por regresar á Primeira? 

As consecuencias do descenso, se se alonga no tempo, son impredecibles. Por iso vai depender da rapidez e o acerto con que constrúan un novo proxecto sólido, que estea ben planificado, cunha dirección deportiva axeitada para a recuperación da categoría e a formación dun equipo, entendendo como tal, a reunión de cadro compensado, que se entenda, con calidade e con acerto cara o gol. E formando unha arquitectura central infalible. O ascenso é un reto caro, non polo costoso, senón pola dificultade do obxectivo, xa que os erros penalizan e a categoría de prata está chea de cambadelas.

As consecuencias do descenso, se se alonga no tempo, son impredecibles

 

Volvendo ó presente, Seedorf deu coa tecla moi tarde. Ao técnico custoulle atopar unha maneira que lle dese consistencia e coherencia a súa idea. E de todos os xeitos, os seus números sacados en frío non son tan extraordinarios. Aínda que o que si semella é que, con algunhas semanas máis de tempo, o seu discurso optimista, posiblemente, chegase para competir polo obxectivo da permanencia. O comportamento e a rendibilidade dos futbolistas nas últimas semanas é a que conduce a pensar así, xa que con Parralo e con Mel non houbo nunca mérito nin capacidade por parte dos xogadores. 

Este proxecto nacera en agosto co obxectivo de evitar o descenso tres ou catro semanas antes de que rematase a Liga. Coa pretensión incluso de que se os resultados o acompañaban puidese disputar unha praza pola Europe League ou mesmo soñar cunha final de Copa do rei. Sen embargo, o Dépor asinou o descenso pola vía rápida, a falta de tres partidos para rematar a Liga, e cos peores resultados da historia do equipo. Cunha insoportable morea de goles encaixados e con todas as súas figuras estreladas, incluso as que en agosto parecían valiosos xarróns chinos.

Curiosas e malditas contradicións. Impensables e inimaxinables ó comezo da temporada polos deseñadores dunha temporada plena de erros e que a touro pasado resultan moito máis visibles, e non por elo menos criticables. Agora buscaranse culpables. Cada un terá o seu. Haberá índices acusadores sinalando a súa peza. De pouco vai servir tal miseria. Só cabe a reflexión de que este negociado do fútbol ten máis aristas das que se ven e que só a experiencia, o acerto e os resultados son a materia prima para formar cada ano unha boa táboa de salvación.