“Déjà vu” en branco e azul

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Pasaron xa moitas noites en que os seareiros deportivistas acostumaban saír de Riazor sen poder relamber as xogadas ou o resultado dun gran partido. Demasiadas noites. No día do Pilar esa memoria imborrable regresou como un flash. Non chegará á zigzagueante cintura de Bebeto diante de Mino, do Español, pero a sentada que lle fixo Carlos Fernández a Neider lembrou o xenial brasileiro naquela noite fantástica. Ou as cabezadas de Pandiani ó PSG. Ou se tiramos de exquisiteces, as vertixinosas carreiras de Makay ou a finura e a clase de Diego Tristán. Carlos Fernández ante o Elxe lembro as grandes figuras branco e azuis. O sevillano elevouse á categoría de crack en Segunda División nunha noite de ouro puro. Queda por ver que non sexa flor dun día. Os cracks mantéñense no tempo e non viven só dunha noite cinco estrelas.

Fago un pequeno punto e aparte aquí porque, probablemente, en Elxe pensen que a goleada foi enganosa, esaxerada, que non foi para tanto. Pensar, seguro, que o partido puido ter outro debuxo se Benja convertise algunha das que lle caeron nos pes, ou na triple ocasión antes do lecer. O Elxe, malia a goleada, foi un rival digno. Moi digno. Foi valente. Buscou a porta herculina, soubo chegar á área coruñesa, mantivo o partido aberto. Non foi un equipo pusilánime, pechado e temeroso. E iso que lle faltaban dúas figuras, unha delas en África, por ser convocado coa súa selección, e sendo o futbolista que leva o oitenta e cinco por cento dos goles do seu equipo. 

Pero o Dépor estivo superior. Superior en todas as parcelas. Moi seguro en defensa. Cunha parella de centrais, Duarte e Pablo Marí correosa e imperial. Outra vez Saúl aportou traballo e verticalidade para colocar centros á area cando tocaba atacar. 

Carlos Fernández elevouse á categoría de crack en Segunda División nunha noite de ouro puro

 

Todos os focos do partido foron para o triplista goleador Carlos Fernández. Un recoñecemento totalmente merecido. Pero hai dous futbolistas que non poden quedar sen medalla. Expósito e Álex Bergantiños. Especial mención para este coruñés silencioso ó que inexplicablemente se maltrata co banco da suplencia. Sempre é unha segunda ou terceira opción, pero os técnicos acaban tirando del cando están apurados. E aí está Álex. Cumprindo. Sempre cumprindo. E convencendo, deixando no maxín dos seus técnicos un “por que non me din conta antes”. Álex Bergantiños é un puntal para organizar o equipo no centro do campo e sempre coa vista posta atrás. Un futbolista sacrificado e regular.

O Dépor oito xornadas atrás estaba verde, moi verde. Transmitía dúbidas. Agora a idea é outra. Hai equipo. Hai fondo de armario. Hai calidade. Hai un sistema aprendido. Hai máis fútbol. 

Está moi mal facer comparacións, pero como a noite gloriosa de Carlos Fernández evocou lembranzas pasadas moito máis doces, a vitoria serviu para devolver a credibilidade totalmente perdida a respecto do grupo que o ano pasado se arrastraba polos campos de Primeira División. No Dépor de Natxo González o liderado está compartido, é solidario, sacrificado e está entregado a unha causa. A temporada pasada, a da picada imperdoable, o equipo era unha banda, así adectivada nesta columna en innumerables ocasións. Moita figura, moito postureo e a historia dun fracaso. O Dépor desta temporada non é así. Funciona mellor que os futbolistas de escarapela colgada no peito. Moito currículo, pero nada de fútbol. Aqueles escribiron a historia dun fracaso persoal.

A vitoria serviu para devolver a credibilidade totalmente perdida a respecto do grupo que o ano pasado se arrastraba polos campos de Primeira División

 

Está claro que aínda queda moito por ver esta tempada e que é moi cedo para sacar conclusións. O cambiazo que pegou o equipo en sete-oito semanas confirma, agora si, que ten unha misión que cumprir: buscar o ascenso á Primeira. 

Pero, ollo, sen deixarse levar pola euforia, porque o conto aínda ten moitos capítulos. O venres nos últimos minutos da primeira metade, co gol a favor, úns despistes e imprecisións puideron planear outro escenario sobre o terreo de xogo. Como as crises de xogo en Segunda aparecen e desaparecen de forma repetida, benvido sexa este momento do que só se pode dicir que é o momento de que os de Natxo González aproveiten a onda. 



x