O Dépor afoga nos seus propios erros 

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


De decepción en decepción. Así se vai escribindo a triste historia do Deportivo neste curso. Pero este é, se cadra, moito máis decepcionante que a dos anos anteriores. Tanto ten que o equipo de Parralo deixe unha boa imaxe porque o resultado final é sempre o mesmo. A causa de cada un dos seus borranchos son sempre os mesmos: erros defensivos, falta de intensidade, escasa concentración, ou a canseira dos erros individuais.

Con tanta reiteración de erros, cabe comenzar a facer a análise profunda sobre o actual cadro de futbolistas. Polo menos dalgúns dos seus componentes, e preguntarse cómo é posible que sendo futbolistas profesionais teñan tantas fatalidades. E por falta de calidade? Merecen realmente xogar en Primeira División? Están excesivamente acomodados? É un problema colectivo ou individual? E só concentración ou é de intensidade? 

É unha mágoa plantexarse estas cuestións probablemente despois de que o Dépor ofrecese unha boa imaxe ante o Valencia. Pero aos de Parralo, e Parralo incluido, non lle abonda con asinar un bo servicio. O Dépor non está a dar o nivel e non dar o nivel significa que vai cara á Segunda División sen remedio. Está no nivel dos peores da categoría porque non é quen de correxir nin unha soa das súas deficiencias. Algunhas deles só se poden explicar xa por falta de calidade individual ou por non ter claro conceptos futbolísticos que acaban custando caros. Non cabe xa mirar cara outro tipo de escusas. O equipo está onde está polos seus propios méritos. Así foi durante as primeiros dezanove xornadas. Partido a partido. Consumando desastre a desastre. 

O Dépor non está a dar o nivel e non dar o nivel significa que vai cara á Segunda División sen remedio

 

O último resultado en Riazor, aínda que Richard Barral xa non estea no clube, é tamén un resultado negativo que vai no cómputo da ex-dirección deportiva e de todos os seus responsables. Porque os problemas detectados son sempre os mesmos. O equipo erra sempre polo mesmo sitio. Máis absurdo semella que, sabendo onde están os graves problemas do Dépor, non se acometan xa solucións. Asumo que non é sinxelo reparar os problemas á metade de camiño, pero se os deberes e as análises estivesen feitas e detectadas a reacción estaría xa sobre o céspede. Cómo é posible que se desaproveitase xa medio mes de xaneiro? Que tipo de traballo tiña realizado a ex-secretaría técnica, e a actual, para tratar de tapar os tremendos buracos que xornada a xornada se lle ven ao Dépor? A resposta é sinxela. Crer que non había problemas e que no equipo non hai simas. Que os desaxustes se axustarían con retoques técnico-tácticos. Tal teoría está descreditada xa e quen a respaldaba xa non está para rectificar e redefinir o proxecto.  

É desolador ter que facer esta crúa análise, sobre todo, despois dun partido no que o equipo de Parralo intentou competir de ti a ti co Valencia. Porque o partido non foi un desastre. O que resulta desastroso é o resultado, cómo se produce de novo a derrota e as consecuencias dese resultado tras coñecer a vitoria “inesperada” do Alavés ante o Sevilla. 

Pero os ches non foron superiores. O cadro coruñés foi o que deu o primeiro aviso cun testarazo de Borges que foi ao longueiro. O equipo branco e azul chegou ben e tivo moita iniciativa no partido. Pero os erros volveron marcar o devir do partido. No primeiro gol do Valencia as mans brandísimas de Rubén son para, desde o perfil dun afeccionado, enfadarse moito. Certo que Rubén tivera ata entón dúas paradas de alto nivel, pero esas mans, sen forza, sen colocar o xeonllo en terra para cubrirse ante un accidente, indican un erro técnico grave. Ante este gol, e de xeito irónico, só unha recomendación. Máis Cola Cao polas mañás. Aínda que prescribir Cola Cao tamén polas noites antes de deitarse non viría mal. Un erro inconcebible nun porteiro desta categoría. O gol machucou os futbolistas para o resto da primeira metade e parte do inicio da segunda parte. Non se pode escapar da análise, que a Guedes chégalle un balón tras a inexistente presión dos tres centrocampistas herculinos. A Guedes non lle sae ninguén, para evitar o disparo a porta. Finalmente, a colaboración de Rubén (xa é a segunda desta temporada) é fundamental para que o gol subise ao taboleiro de marcas.

A colaboración de Rubén (xa é a segunda desta temporada) é fundamental para que o gol subise o taboleiro de marcas

 

Se a pifia de Rubén causa enfado, no segundo tanto dos valencianos o pase atrás de Mosquera, previa cesión de Guilherme, e o posterior mal control de Albentosa coa peor resolución da perda do balón provoca estupor, rubor e vergoña. Unha vez máis, a cadea de erros volveu ser crítica para o equipo. Desa xogada, ademais dos lamentables desentendidos, despistes, e faltas de cautela dos protagonistas, clama o ceo que no momento en que Albentosa perde o control do coiro, ningún futbolista que está preto do balón reacciona para ir cara el e recuperar o control perante un erro non forzado. E un xogador do Valencia, o vigués Santi Mina, é o que reacciona con rapidez e pillería para roubarlle a carteira a Albentosa de forma surrealista para pór en bandexa a Rodrigo o segundo gol. 

Do partido hai que subliñar unha boa nova: o regreso de Andone, e que o dianteiro estea a darlle proveito ós minutos que dispón marcando. O romanés está a tomar en serio os minutos a oportunidade que lle dá Parralo, cando non contaba para nada. Cuestión que tamén pon a remollo algunhas cuestións e razoamentos tácticos. Agora mesmo non hai dúbida, Andone ten que estar no once inicial do equipo. 

Agora mesmo non hai dúbida, Andone ten que estar no once inicial do equipo

 

Con ese gol houbo unha lixeira esperanza na bancada herculina. E non foi falsa esa esperanza porque a igualada puido ser factible. Sorprende que o xogador con máis clase do equipo, esta temporada, que ademais completa con bo olfato para o gol, Adrián, botou fóra un man a man con Neto. Semellaba máis complicado botar o balón fóra que acadar o gol. O caso é que o equipo de Parralo puido retirarse cun empate, que sería realmente xusto, pero acabou lamentando outra derrota. A perplexidade na bancada, que xa tiña a gorxa entoada para celebrar o cántico do segundo gol dos deportivistas foi total.

Os números do Dépor desta temporada meten medo. Son dos máis baixos, consultando o histórico do equipo na máxima categoría. De aí que a posición en postos de descenso ó final da primeira volta non pode estrañar. A esixencia agora ten que ser máxima. Serán quen de cumprir con ela?

Toca reflexión e reacción. Reacción inmediata. E iso inclúe tamén novos futbolistas que apuntalen o esquema central do equipo: portería, defensa e pivote defensivo.