Dépor: borrón e conta nova

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


O Dépor acaba a temporada en Riazor como empezou. Reiterándose nos erros. Enfrontándose coa derrota desde o minuto 2 de partido. Con iso está case todo dito. O peor de cometer erros non é caer neles unha vez. A reiteración é a que desespera. É manifestar unha nula capacidade profesional para aprender a rectificar e evitar que se repita sempre a mesma tara deportiva. Ver o Dépor caer unha e outra vez nos mesmos tipos de erros, como o de caer na falta de concentración e intensidade ó principio dos partidos. Volver comezar un partido na casa obrigado a correr por ter perdido o control e o mando do partido é o que fai perder o ánimo na bancada. A reiteración é xa unha enfermidade instalada no funcionamiento do equipo. É como unha mala bacteria á que hai que aplicarlle algún tipo de antibiótico para poder eliminala. Os tres doutores que trataron o paciente moribundo non foron capaces de aplicarlle tratamento, como se este grupo de futbolistas tivese unha unha bacteria tropical ultra resistente. 

 

Vendo a clasificación, a falta dunha xornada para que o pesadelo desta temporada remate para o club herculino, vemos que o Betis, ó cal se vía moi inferior ao Dépor ó principio de temporada, está “asombrosamente” clasificado en postos que dan acceso asegurado á competición europa, coa nada desprezable suma de 60 puntos. Con pouco máis o Dépor gañou unha Liga no ano 2000. O Getafe, outro dos equipos ós que consideraron inferiores desde a dirección deportiva na Praza de Pontevedra, quedou ás portas de Europa. A falta ducha xornada, xa ten 52 puntos, vintetres máis que os acadados polos deportivistas. Por detrás dos madrileños está o Eibar, un equipo que vai lograr clasificarse entre os dez primeiros da Liga! Aí, tamén, case está o Girona, un recén ascendido. O Alavés, que flirteou xunto ao Dépor cos postos de descenso alá polo frío inverno, resulta que acaba no posto 12, por encima do Celta. A sorprendente reacción do Levante deixa aos valencianos a 17 puntos dos coruñeses. Os de Seedorf, Parralo e Mel non foron capaces, despois de 27 partidos, de chegar aos 30 puntos. O cal indica que o pecado da soberbia é castigado con dureza cuando saen ó escenario os resultados reais colleitados. A clasificación final desta temporada e os cadros de futbolistas dos equipos mencionados deben ser analizados polo miudo e concluir que no fútbol non caben desleixos. 

 

Á vista dos resultados está claro que moitos outros, con menos recursos económicos, fixeron moito mellor os deberes. Souberon planificar un equipo primeiro e cando detectaron dificultades acertaron á hora de elixir o momento e a persoa axeitada para correxir os malos resultados. O Dépor non fixo un equipo. Reuniu un fantástico escaparate de xarróns chinos para lograr a permanencia. Foron xarróns ben floreados por fóra, pero baleiros por dentro. Porque diso pecaron os futbolistas herculinos. No Dépor foron un “mírame que fermoso son, pero non me toques”. Unha colección de xogadores que luciron ben para a foto de curto. Para competir como grupo mostraron que tiñan menos tea que pantalón. Co nome non se xoga, salvo que sexas Messi ou Cristiano Ronaldo.  

 

Moitos outros, con menos recursos económicos, fixeron moito mellor os deberes

 

A imaxe ante o Villarreal, a última do Dépor en Primeira ata sabe Deus cando, foi outra vez decepcionante. Non merece a pena recrearse nas negruras dos branco e azuis. O balance xeral non pode ser outro que o de pésimo. Está sobradamente valorado. Aínda que é certo que roubo un momento no que os de Seedorf tiveron pegada, pero, como xa é costume, a eficacia na definición das ocasións foi desacertada.   

 

Por sacar algo en positivo. Se non é flor dun día, e se continúa co acerto e as condicións coas que está a rematar a Liga, sobre a pedra tallada de Borja Valle debe edificarse parte do proxecto para recuperar o pulso da Primeira División. Borja Valle ten, a día de hoxe, as ideas claras, ten fame, ten compromiso, ten intelixencia, ten paciencia para saber esperar a súa quenda e ten acerto. Dicía Seedorf que quería a once como Andone. Pero penso que ao Dépor vénlle moito mellor ter alguén como Borja Valle e que se repita once veces.

 

Sobre a pedra tallada de Borja Valle debe edificarse parte do proxecto para recuperar o pulso da Primeira División

 

O futbolista de Ponferrada traballou en silencio a confianza de Seedorf. Coas súas aperturas, a súa constante entrega, a súa velocidade e capacidade para manexar os tempos, a forma de asociarse e elixir o momento para darlle un cambio ó ataque. A titularidade de Valle é unha das boas decisións que deixa Seedorf no Dépor. Inexplicacle que Mel e Parralo non tiveran maior visión con este bo futbolista. Unha esperanza en branco e azul, se é que queda. Valle responde ó perfil anunciado por Carmelo del Pozo sobre o tipo de xogadores que quere e precisa para reconstruir un Dépor que se comporte como un equipo serio e sólido.  

 

O ano de sufrimento deportivo que leva pasado a afección vaille vir ben para saber surfear na longa noite de pedra na que se pode convertir a loita polo ascenso á Primeira. E todo isto, no medio doutra treboada. A petición oficial, tras reunir o requisito do 5% das accións da entidade, para esixir un adianto electoral. Xusto en plena temporada alta de reestructuración do cadro de futbolistas, como se os erros cometidos sobre o verde polo horroroso equipo confeccionado se puidesen arranxar cun plebiscito. A este equipo só hai que aplicarlle un método de corrección: borrón e conta nova.

 



x