O Dépor electrocútase só, e perde voltios polo camiño

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Non resulta moi comprensible que un equipo que está feito para buscar O obxectivo do ascenso se bote a durmir na súa propia casa con todo un tempo por disputarse. E, por iso, pasou o que pasou. Un empate que dá noxo, non polo Numancia, que estivo máis cerca de conseguir incluso o terceiro gol, senón pola inexplicable segunda parte do Deportivo recuado no seu campo, como se dun equipo vistante se tratase.

Que tiña que defender o Dépor? Non está o fútbol concibido para marcar goles? Cómo é posible que un equipo que quere ascender xogue na súa casa botado durante case corenta e cinco minutos no seu campo? 

En Segunda, igual que en Primeira, ir de sobrado pasa factura. A garda ten que estar alta sempre. O Numancia aplicoulle unha cura de humildade ós herculinos. Unha lección que non poden repetir se de verdade se presentan como candidatos ó ascenso. O Dépor non soubo administrar unha boa colleita, e non é a primeira vez que lle pasa, esta temporada. A novidade, respecto a outros partidfos, é que non se vira xogar con esa displicencia no seu campo ante o seu público, en Riazor. 

En Segunda, igual que en Primeira, ir de sobrado pasa factura. A garda ten que estar alta sempre

 

O empate, con sabor a derrota, desprazou o equipo branco e azul fóra dos postos de ascenso. A táboa clasificatoria dá para moitas análises, porque con esta Segunda tan competida vemos casos como As Palmas, a nove puntos do Dépor e fóra de postos de promoción de ascenso, o Málaga por debaixo do cadro herculino, o Zaragoza, próximo rival, en zona de descenso, e outros equipos históricos descalabrados polo taboleiro. 

Está claro que se pode ver o vaso medio cheo, pero tamén medio baleiro. E neste caso, nunca mellor dito. Medio baleiro porque os tropezos son incomprensibles por non ter demostrado que o equipos ten ideas e recursos suficientes para manexare e xestionar con máis habilidade varios partidos nos que tiveron un comportamento é unha reacción similar, que finalmente remataron como remataron, é dicir, coa auga colleitada derramada polo chan. 

O deste último partido ante o Numancia se cadra é como unha carga de electróns que deixa o afeccionado máis optimista pegado á cadeira, sen reacción. E xa saben como misturan os electróns coa auga. Pura descarga eléctrica. E así se quedaron os afeccionados deportivistas, electrocutados, ancoradas á bancada, mudos. A mítica frase de Arsenio de “nos lo quitaron de los fuciños”, pois iso, foi o que lle pasou ó Deportivo. A sesta é o que ten. Que cando un quere espertar, mentres espabila a tontería, outro máis acordado límpache a merenda. E así é como o Dépor vai perdendo voltios por andar sobrado de instalación que non de “enerxía”, xa que este equipo, ás veces, semella que leva baterías escasas para resistir noventa minutos de traballo intenso. 

O deste último partido ante o Numancia se cadra é como unha carga de electróns que deixa o afeccionado máis optimista pegado á cadeira

 

Un Dépor que xoga ben, moi ben, durante un tempo, case todo o primeiro tempo, lucindo o estilo tiquitaca para logo desaparecer con todo un mundo por disputarse. E preso desa ausencia inintelixible, o Dépor acaba sufrindo, correndo detrás dos rivais, pedindo a hora e tratando de reaccionar a impulsos. Os trocos foron totalmente ineficaces. Non aportaron nada. Entre outras cousas porque non era unha cousa de troco de homes. Cando o Numancia cocía a remontada,  por exemplo, non houbo luces para tapar a banda esquerda dos sorianos, por onde lle veu ó xogo máis perigoso a Dani Giménez. Así o viu tamén o porteiro, que ó apañar o segundo gol apupou os seus compañeiros da banda dereita por permitir eses lances que finalmente lle torceron o día. 

Deste empate o Dépor ten que reflexionar e sacar una lección. Non pode repetir esa imaxe de dar por gañado un encontro ó que lle falta unha vida. Natxo debe buscar fórmulas para que o equipo sexa máis ambicioso, con máis fame de gol. Súa é a responsabilidade de que o equipo se bote atrás cando gaña. Esa non é unha táctica válida para quen manexa un grupo que quere ser líder e que pretende ascender, porque esa é a forma na que un ascenso se escapa das mans. Se non é unha orde técnica, malo, porque indica que o adestrador non sae a obrigar os seus pupilos a montar as liñas de xogo máis adiantadas e firmes. E se é por unha decisión do preparador técnico, malo tamén, porque indica que o adestrador é un conformista que cre no conservadurismo como premio. Ambas decisións non son sostibles por moito tempo e son incompatibles, á vista do resultado final do partido, coa media inglesa.