Un Dépor pequeno e decepcionante na casa

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Desde a óptica deportivista, ninguén pode quedar contento, nin xustificar o partido do Dépor ante o Tenerife en Riazor. Non se pode cualificar doutro xeito máis que de lamentable. O equipo de Natxo saíu ó campo como un equipo pequeno, anunciando desde o inicio do partido unha disputa á defensiva. Así non pode saír un líder a afrontar un partido de fútbol para encabezar a Liga. O equipo de Natxo pisou o céspede de Riazor para empatar. Esa foi a sensación. Non tivo mentalidade gañadora nos noventa minutos e afogouse, finalmente, pola súa falta de pegada. Salvou un punto porque o Tenerife non tivo sobre o campo un dianteiro con pólvora máis acertado. Estivo máis cerca do gol o Tenerife que o Deportivo.

O Dépor non se mostrou en ningún momento picado nin pola situación nin no orgullo para aproveitar a oportunidade

 

Hai adestradores que ademais de dominar o manexo do libreto dos sistemas tamén saben estimular o factor psicolóxico. Hai adestradores que só co factor psicolóxico sacan unha alta rendibilidade aos seus equipos. Natxo na asignatura de psicoloxía suspende. Non é unha conclusión extraída do derradeiro partido. É un dato que pode sacarse do comportamento do equipo noutros partidos. Un equipo que quere ser líder, que ten a obriga de estar entre os dous primeiros da categoría, non pode saír ó terreo de xogo como se estivese durmindo. Ao Dépor faltoulle saltar enchufado. Tiña elementos para armarse mentalmente. Os resultados dos rivais, como a picada do Málaga ou a vitoria do Albacete tiñan que ser como unha aguilloada para os branco e azuis. O Dépor non se mostrou en ningún momento picado nin pola situación nin no orgullo para aproveitar a oportunidade. Ó contrario amosou a imaxe de equipo cunha pegada inútil. 

Os herculinos sofren a falta de gol. A seca de Quique, preocupante, arrastra ó equipo. O atacante tivo, outra vez, ocasións que só precisaban un simple toque, como no golf, para poñer a pelota no fondo da rede. Como no último minuto do partido. Quique perdeu o anxo que o acompañaba e iso nótao o resto do equipo. Probablemente, a causa da seca é que lle falta o seu principal socio: Carlos Fernández. Ambos necesítanse. É como se os dous vivisen unha simbiose cando xogan xuntos. Os dous medran. Cando falta un dos dous, ou a sociedade deixa de funcionar entre eles, ambos fanse máis pequenos. Así foi sendo a temporada, polo de agora. 

No caso de Quique non é a única causa. Colocado como extremo dereito deixa de ser Quique González. É outro futbolista. Como Sansón sen coleta. Ao Dépor saíulle moi ben colocar ó máximo artilleiro que ten xogando pola banda esquerda ou entrando polo medio. Por aí gaña forza e convértese nun recurso perigoso para os seus. A banda dereita anula a Quique.

A proposta, en xeral, do equipo ante o Tenerife foi decepcionante

 

A proposta, en xeral, do equipo ante o Tenerife foi decepcionante. O peor partido do Dépor na casa. Unha ocasión perdida nun momento no que é necesario dar un golpe de autoridade, de dar unha mensaxe máis firme, máis convincente. 

A mostra máis evidente de que os de Natxo non traballaron ben mentalmente o partido é que o Tenerife celebrou o empate en Riazor. Non o podían crer. Celebrárono como se fose un triunfo. Encheron o peito co osíxeno que sacaron. O Dépor acabou coa cabeza baixa, incluso a de Natxo.

Ao Dépor hai que pedirlle máis. Moito máis. Pode e deber presentarse, sobre todo ante o seu público en Riazor, con outro carisma.