O Dépor só “levanta” decepcións

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Comeza a comentarse de forma extendida que o Dépor manifesta todos os síntomas dun equipo que ten cara de descenso. E si, é o que parece. Pero malia esas sensacións, o certo é que ao equipo aínda lle queda moita vida e varias oportunidades para lograr o único obxectivo para o que debería estar feito o equipo: a permanencia.

Que os de Parralo sofren máis da conta é só por un único problema: a pésima confección do cadro de futbolistas. Cada xornada que pasa é unha evidencia. A descompensación do equipo á hora de defender é tan grande que todo o bo traballo que poden fabricar os homes de ataque queda estragado e estrado polo camiño por unha inútil calidade futbolística dos homes que se teñen que encargar da parte defensiva. Non hai un só xogador, neste momento, que demostre o oficio que se require para saír da crítica situación na que se atopa o equipo. Falta de concentración, erros nas marcaxes, falta de intensidade, despistes incomprensibles, inexistencia de liderado, falta de carácter, escasa contundencia, falta de acerto nas decisións…

Son elementos que fan pensar que o problema actual do Dépor non é de adestrador. É de equipo. De falta de calidade. De mala confección. De descompensación. Os problemas do Dépor son máis profundos que una cuestión de adestrador. Se mañá Parralo non está, o cal tampouco sería sorprendente se seguen as derrotas, cos xogadores actuais os resultados semella que seguirán sendo os mesmos.

O problema actual do Dépor non é de adestrador. É de equipo. De falta de calidade. De mala confección. De descompensación

 

Como todo partido, este tamén ten unha pequena historia que pode explicar que puido pasar nos minutos finais, onde o Dépor se viu totalmente desbordado polo Levante. Un partido que comeza cun cartón amarelo a Borges no minuto 4, a seguir prodúcese a lesión de Sidnei, e, por último, chega a expulsión do tico dez minutos antes do lecer, por meter o cóbado onde non se debe. Tres accións que condicionan o resultado final. Parralo tivo que botar man do banco de suplentes moito antes do esperado. Primeiro para substituír un futbolista lesionado, e logo para reordenar o esquema do equipo ó quedar o centro do campo totalmente desequilibrado. Así pois, o plan A acabou no lixo en pouco máis de media hora de partido. Ter que xogar con dez durante sesenta minutos de partido, nas circunstancias actuais, é dun desagaste tremendo. 

Malia o desgaste, xogando con dez, o Dépor conseguiu o 2-0. Un golazo, por certo, se se analiza a xogada desde que nace desde a defensa herculina. Que o partido acabase con 2-2, tendo en conta que no minuto 80 aínda seguía lucindo o 2-0, indica que tampouco hai fortaleza mental. O que nos leva a analizar as frases de Andone nada máis rematar o partido, onde, manifestamente enfadado, admitía, entre exabruptos, que o Dépor non sabe pechar partidos. É dicir, o equipo non ten oficio. Os futbolistas non teñen malicia, nin a concentración necesaria para reaccionar con astucia.

O equipo non ten oficio. Os futbolistas non teñen malicia, nin a concentración necesaria para reaccionar con astucia.

 

E se falamos de Andone ben podería pegar algún berro dentro da caseta e sobre o verde, para espertar os seus compañeiros. Nas circunstancias actuais, no Dépor hai unha evidente falta de liderado. Alguén ten que tomar o leme do barco. Sen a unión ou a implicación, real, de todos, ou case todos os futbolistas, vai ser moi complicado levantar o calendario que ten nos dous próximos meses, claves, por non dicir decisivos. 

É de supoñer que ó longo desta semana chegarán a Coruña un ou dous futbolistas, un deles para xogar como pivote defensivo. Un posto que é urxente cubrir porque non o hai.

Ao Dépor non lle quedan moitas bazas. Ou é xa ou é xa.

O 2-0 podía ser un resultado estupendo. Non taparía os males do cadro de futbolistas, pero daríalle osíxeno e moral para “levantarse” da situación crítica na que se atopa. O 2-0 ofreceu a Riazor novas sensacións positivas, pero rematou, como sempre, arroxando decepción.

Todo apunta a que están a traballar en dúas incorporacións máis: un pivote defensivo e un central

Como última hora, acabamos de almorzar coa incorporación de Krohn-Dehli. O danés ten unha formidable categoría como futbolista. Chega por un ano e medio. Ten 34 anos e con certos problemas coas lesións no Sevilla. En Vigo tamén os tivo. Pero o seu nivel top é un excelente futbolista. Non cadra na posición de pivote defensivo, aínda que ten xogado nesa posición con Luis Enrique. É sacrificado. Aporta calidade. Pero é un home de clara proxección ofensiva. O problema do Dépor non está no ataque. Podería suceder que o capítulo de mal comportamento de Çolak da semana pasada precipite algún troco nesa posición, e que se invite o turco a unha saída. Ten pinta diso, pero o club non se manifesta ao respecto e arestora é imposible facer conclusións. Todo apunta a que están a traballar en dúas incorporacións máis: un pivote defensivo e un central. Claro que hai dúas condicións para cumprir este plan: buscar e atopar tantas baixas como incorporacións haxa (ou en caso de non atopar equipo, a rescisión do contrato) e que o limite salarial permite tal baile. É un difícil encaixe de pezas. E tamén é a evidencia do analizado tantas veces sobre a problemática do Dépor. Rectificar é de sabios. A confección deportiva defectuosa precisa reparacións urxentes. O día 1 de febreiro saberemos o calado da definitiva reconfiguración. O Dépor traballa agora por orde. E agora ao clube tócalle acertar cos novos futbolistas que se incorporen. Así e como espera tornar as decepcións en resultados positivos. Non hai que esquecer que o único obxectivo polo que pode loitar o equipo estes anos é pola supervivencia. É dicir, manterse en Primeira División, mentres se reduce unha débeda monstruosa.