A fe de Riazor reanima o Dépor

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Se algo quedou claro en Riazor é que o público quere o seu equipo en Primeira División. Se hai un dato no que pode apoiarse esta afirmación é na resposta dos seareiros cando hai unha chamada para solicitar o seu compromiso. Iso produciuse ante o Sevilla. Cando o partido se disputaba un día de semana, nun horario malo para ir ó fútbol (con moita xente cumprindo coas súas obrigas laborais), e tras un ano nefasto e cheo de decepcións. Aí estaba a súa afección. Disposta a todo, a ser o xogador número doce. 

Nunha fantástica campaña do club a través das redes sociais, en corenta e oito horas, conseguiuse que se esgotasen as entradas disponibles. Ó final 24.000 persoas foron ó estadio a pedirlle o equipo que loite, que sume, que non deixe de crer e que manteña viva a esperanza de aferrarse á máxima categoría do fútbol español mentras poida.

Din que a fe move montañas. E ante ese impulso responde o Dépor, un equipo que estivo por baixo do comportamento dos seus afeccionados todo o ano. Coa fe só non basta porque o público non pode marcar goles. Axuda moito, pero para que o apoio sexa efectivo tamén hai que deixarse axudar. O cadro coruñés dimitira das súas funcións en moitos partidos con Mel e con Parralo. Coa chegada de Seedorf a reacción foi moi lenta. Neste intre semella que si, que o técnico, pese ás súas decisións tácticas, conectou dalgún xeito xo vestiario e, de momento, serve parar xestionar o partido a partido.

Ante ese impulso responde o Dépor, un equipo que estivo por baixo do comportamento dos seus afeccionados todo o ano

 

Por iso, por esa grande e infinita forza que hai detrás das once camisetas branco e azuis que xogan fronte a outras once doutra cor, é unha mágoa darse de conta coa realidade. O Dépor deixou para o final da Liga todos os seus deberes. Incluído a do compromiso. Só hai que lembrar alguns partidos cos brazos baixados para poder acusalo do seu desleixo. A temporada sempre é moi longa e permite repartir os sacrificios. Tras os últimos partidos con Seedorf, a sensación é agora a de que o equipo tirou todo un ano e, como un mal estudante, pretende aprobar o curso a última hora arrastrando unha morea de suspensos.

Ante o Sevilla, o cadro coruñés volveu ser un equipo decente en liñas xerais. Tiña enfronte un potente rival, que por sacar un “equipo b” non foi menos equipo. Os andaluces plantexaron un partido serio, facendo todo o posible por saír vitorioso de Riazor antes da cita da final da Copa. O Dépor arrancou en frío o partido, pero había moita calefacción nas bancadas como para non coller temperatura. O público levou un xusto premio ó seu esforzo por seguir crendo, porque gozou dun partido vivo e onde se intercambiaron os “oi!” e os “ai!” de forma constante. 

O Dépor deixou para o final da Liga todos os seus deberes. Incluído a do compromiso

 

O resultado de empate non foi xusto, nin tampouco o de manter o taboleiro de marcas a cero. Ámbolos dous fixeron moito máis para cambiar o resultado. Nas botas de Mosquera, dúas veces e con moita claridade, de Adrián, outras dúas, Lucas, polo menos en cinco ocasións clarísimas e outra de Borges, que foi ao pau, o Dépor mereceu o gol. Banega e Carlos López no Sevilla tamén estiveron a piques de conseguir o propio para os seus, pero Rubén, que foi chave na porta do Dépor por unha vez na temporada, evitou a goleada. 

Reclamou dous penaltis a parroquia coruñesa que o colexiado non quixo ver. O de Schär paréceo, sobre todo se no canto de Schär caese o chan outra figura da Liga. O de Albentosa é máis discutible porque a caída produciuse despois de chutar á porta e pódese entender que a acción xa rematara antes.

Así pois, Seedorf deulle fe o equipo e conseguiu devolverlle algo de confianza. Fíxoo con métodos discutibles, pero mantén unha constante: non sae goleado e ademais produce ocasións. Equilibrou a balanza con plantexamentos arriscados e ás veces cargados de incógnitas sobre o sentido das súas decisións. Segue cometendo tolerías, a ollos do público, como amosou ante o Sevilla cos trocos realizados, pero o holandés viaxou a Coruña cargado de tulipáns e vai tirando flores partido a partido. O seu optimismo funciona. Ata que o creto se esgote por inanición -xa que se suma de un en un vaise quedar curto- ou ben porque o Levante, escapado na táboa por unha cabeza e media, acabe ensinando o fociño antes do que o Dépor para rebasar o marco dos puntos pola salvación, que polo momento son unha incógnita. Depende dos erros e dos acertos dos dous equipos. Se a iso engadimos un calendario enormemente difícil a supervivencia é un soño. E a afección soñar, aínda soña.