Sen goles non hai paraíso

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


O penalti absurdo de Madrid vai servir para alimentar o debate durante as próximas horas, pero a realidade no Dépor non se pode explicar só por un penalti inxusto e inexistente. O gran problema do equipo, desde que chegou Seedorf á Coruña, é que non marca goles. Xa pode poñer toda a artillería que lle dea a gana, e de feito o fai, que dá absolutamente igual. Os sistemas que emprega son totalmente inocuos. O gol desapareceu desde que Seedorf manexa os fíos. Sen goles o balance é catastrófico. En oito partidos só puido acertar coa porta rival dúas veces. Unha produción goleadora tan pobre e inútil que é imposible defender incluso a boa imaxe que os herculinos deixaron no Wanda Metropolitano. 

É certo que a responsabilidade de marcar os goles non é do técnico. Son os futbolistas que pon os que teñen que logralo. Pero tamén é certo que quen marca o camiño para conseguir a mellor maneira para anotar un gol é o holandés. Ata agora o único para o que serviu Seedorf, se só nos agarramos ós números, é para frear en seco a sangría goleadora en contra. Pero o que non é capaz de evitar é que en cada partido un erro condene a planificación do obxectivo a perseguir: sumar para seguir respirando en Primeira. Basta un gol en contra para saber que, aínda que o Dépor se deixe a alma sobre o campo, é incapaz de levantar o resultado.

O gran problema do equipo, desde que chegou Seedorf á Coruña, é que non marca goles

 

En Madrid, o calco de sempre. O equipo fixo ocasións. Neste en concreto deixou incluso un bo sabor de boca. Chegou á porta e fabricou oportunidades para marcar, moitas máis que os homes de Simeone. Lucas, en dúas ocasións, Mosquera, Borja Valle e Bakkali. Todos tiveron as súas. Clarísimas. Pero a definición elixida é terrible, desoladora, desesperante. Aburre. Ou van fóra ou contra o corpo do porteiro. Desta vez, non houbo paus aos que botar a culpa.

O último partido dos branco e azuis foi un dos mellores desta temporada fóra da casa. Foi unha coartada perfecta para Seedorf en rolda de prensa. Ten motivos para falar en positivo, si, pero de que serve? Un discurso, que por outra banda, resulta xa coñecido. Voltamos así ó discurso de Cristóbal Parralo. O Dépor só produce sensacións, pero non goles. Unhas sensacíóns que, por outra banda, lonxe de calmar á bancada aumentan o desánimo. 

O balance final de temporada vai ser catastrófico porque as cifras, se miren como se miren, son tan negativas que son as peores da historia do club. Só de sensacións non hai equipo que resista. Precisa resultados, tan inxustos como os tres puntos que sacou o Atlético de Madrid de Simeone. Eses puntos contan e no cadro coruñés non hai nada que contar desde hai semanas. Todo o que sucede é un continuo resta e segue. O contador de Seedorf vai en menos oito goles en oito partidos, por exemplo, cunha produción de puntos de 0,33 por partido. Insostible en Primeira, en Segunda, en Segunda B e en Terceira. Os números son tan arrepiantes que a Segunda División é o único xusto que lle pode acontecer a este horrendo cadro de futbolistas.

O balance final de temporada vai ser catastrófico porque as cifras, se miren como se miren, son tan negativas que son as peores da historia do club.

 

Seedorf quixo gañarlles a base de pelotazos ós de Simeone. A táctica do pelotazo comeza xa a ser recurrente co holandés. Por momentos, a idea non foi mala porque o equipo conseguiu achegarse con perigo. A subliñar tres ocasións. Un man a man de Lucas con Oblak, no que o porteiro acertou, deixando o dianteiro coruñés laiándose da mala sorte que o persegue toda a temporada. O disparo era mellorable, si, pero o acerto do porteiro meritorio. Non en van, o porteiro é un dos mellores da Liga e o menos goleado do campionato. A segunda, sucedeu cando Mosquera rematou de cabeza fóra un balón que lle caeu do ceo coa portería baleira. A terceira, o que puido ser un man a man de Borja Valle, rematou nunha mala elección correndo na dirección onde a defensa abortou unha perigosa chegada á área para zumbar ó coiro ó fondo da rede. Unha ocasión de ouro convertida en chumbo. Con tres ocasións de ouro como estas e estando na situación que está o equipo é imposible facer soñar a ninguén.

O Dépor ten un problema de identidade e de eficacia monstruosa.

E logo está o do penalti que custou a derrota. Trujillo decidiu darlle vida ós de Simeone na carreira polo título de Liga pitando unha pena máxima esaxerada. Discutible. Saúl tírase con descaro ó verde, malia existir o agarrón de Mosquera, que o que tería que ser sancionado era o futbolista do Atlético por simular o piscinazo. Ambos futbolistas forcexaron en carreira. 

A can fraco todo son pulgas. O Dépor está infestado delas. Xa é imposible dar cun remedio eficaz para sanar. O mal está coméndose ao Dépor xornada a xornada.

O próximo partido en Riazor ten chicha. Dispútase quen é o campión do bochorno, quen é o líder ducha temporada desastrosa. Co gafe que ten o Dépor é capaz de “perder” incluso tal deshonra. Sería o máis “positivo” do ano.