Por moita culpa que teña o colexiado Saúl Ais Reig, que a ten e moitísima, ao fútbol profesional hai que chegar coa lección moi ben aprendida. O árbitro é a lei sobre o terreo de xogo, e por malo ou burro que sexa, co regulamento na man ir ou rebelarse contra as súas decisións, págase caro. O Deportivo, en Córdoba, apañou unha desas leccións que deben servir para madurar en Segunda División. E a respecto do reiterado erro de Borja Valle, chamándolle “sinvergonza”, aínda compartindo o calificativo, está claro que non se lle debe engadir máis leña ó lume se o árbitro acaba de deixar ó teu equipo con dez xogadores uns minutos antes. Toda a pouca razón que podían ter Borja Valle e Natxo González perdérona toda coa súa actitude. O resultado do arrebato é que han ter que pagar en cómodas cotas con varios partidos suspendidos nas próximas xornadas. Non merece a pena o impulso da rabia e a carraxe. Poñámonos en situación. Daquela o Dépor gañaba fóra da casa, nun partido para esquecer, con dez sobre o campo. Por que arrebatarse para quedar con 9? Dá igual o peso da razón. Quedar con 9 serviu para apañar un gol, que se vía vir, e acabar empatando o partido. E menos mal que foi 1-1.  

Por riba, se os comités sancionan con dureza a Borja Valle e a Natxo González, o que lle pode caer máis dun partido, aínda vai saír vitorioso da malísima arbitraxe practicada o señor do silbato. E non esquezamos outra cousa. Saúl Ais Reig vai volver arbitrar ó Deportivo nas vindeiras semanas. Conclusión: rebelarse co árbitro é unha soberana tontería que se paga. Levas todas as de perder.

O Deportivo, en Córdoba, apañou unha desas leccións que deben servir para madurar en Segunda División

 

Ademais diso hai que ter en conta sempre o obxectivo común, o de ascender, e deixar ó lado os asuntos de orgullo persoal. O ascenso directo só ten dous postos. A promoción é un risco ou unha lotaría, que os branco e azuis, a ser posible deben evitar. Así é a Segunda División. En Primeira desafogarse pode ter idéntico castigo que en Segunda, pero as opcións para, por exemplo, manterse na categoría son maiores. Partíllanse en dezasete postos.  

Fóra do foco arbitral, que é facer moito esforzo porque foi totalmente decisivo no resultado final do partido, está o que fixo o equipo de Natxo González antes do despropósito colexial.

Só salientables dous aspectos do partido. A rapidez coa que o equipo marcou, e a confirmación do casamento co gol de Quique González, e, en segundo lugar, a portentosa actuación do gardarredes Dani Giménez. E tanto monta un como o outro, pero con moito máis mérito para o portador das luvas. Porque o vigués salvou o Dépor dunha derrota segura, con sete paradas sensacionais que evitaron a goleada. Se alguén merecía saír a ombros do Nuevo Arcángel foi Dani Giménez. Actuación de crack. Decisivo. Que importante é que os equipos teñan baixo os paus un seguro de vida! Un acerto de Carmelo del Pozo, lembremos que foi a primeira fichaxe que fixo, malia que Dani contaba con escasas titularidades nos últimas temporadas e 35 anos de idade. Hai que ter bo ollo, ou bo asesoramento.

O vigués salvou o Dépor dunha derrota segura, con sete paradas sensacionais que evitaron a goleada 

 

Que o porteiro sexa tan protagonista tamén ten outra lectura e que foi tamén a que se viu. O Dépor viuse desbordado polo Córdoba. Unha imaxe inusual nas últimas semanas, xa que o cadro branco e azul era quen de controlar a pelota e ter máis seguridade para evitar as ofensivas do rival, cunha defensa tamén á altura. Pero o Córdoba de Sandoval, en apuros e colista da categoría, fixo saltar as costuras do sistema de Natxo. Os deportivistas tiveron o partido de cara moi cedo e non remataron a faena. Tiveron accións a contragolpe, claras, para logralo. Carlos Fernández non estivo tan lúcido como na noite do triple gol e faltou o seu acerto. Non todo é Quique González, que ata lle deu unha asistencia de morte ao sevillista.

Á calamitosa decisión arbitral dos últimos quince minutos hai que lembrar a lesión de Krohn-Delhi e os problemas físicos de varios deportivistas. Xogando con 9 e con tales problemas o equipo botou todos os folgos fóra para resistir co marcador máis positivo posible. Esa fortaleza hai que destacela e aplaudila. Porque puido ser moito peor. 

O Dépor puido dormir segundo no campo do colista. En postos de ascenso. Por Andalucía andaba a gota fría e caeu toda riba da portería de Dani Giménez.