A impotencia pode máis que as gañas do Dépor

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


O último cartucho do Dépor resolveuse cun empate inútil en Riazor. Loitou na nada e repetiu patróns que colocaron ó equipo e a afección nun estado de ansiedade e nerviosismo que para nada axudaron a manter a calma. O máis triste foi escoitar a unha parte dos afeccionados desconectados do seu papel para pasarse ó clamor do insulto, ás mensaxes cara os futbolistas e o adestrador e as consignas á directiva que sofre tanto ou máis que os seareiros. A situación do equipo está máis que analizada e diría que tamén está descontada. O descenso é inevitable. Moitos erros deron ó traste cun ano para esquecer, con moitas cousas moi mal feitas, comezando nos despachos coa confianza depositada en profesionais de alto rango do club que non se comportaron como tales e que son os primeiros causantes do desastre deportivo que asina o Dépor cada fin de semana. O erro na estratexia e nas decisións das renovacións e as contratacións trouxeron, agora xa é unha constatación, fatais consecuencias. O club ten xa máis que analizados eses problemas e tomará cartas no asunto. Tarde, pero tomará as decisións oportunas. 

Logo están os outros erros, os visibles, os cometidos no campo por uns futbolistas que de forma grosera desenvolveron un papel lamentable desde o eido deportivo. 

É comprensible o descontento dos serareiros, ante unha temporada nefasta. En todo caso, o enfado debería ser patente antes e despois dos noventa minutos. Nunca durante o encontro. De pouca axuda resulta botarse enriba dos futbolistas, que, para mal ou para ben, son os que representan sobre o verde a uns afeccionados e a unhas cores. Así fui sempre, tanto nos bos como nos malos momentos. Sinalar futbolistas co balón en movimento só transmite máis nervios, más medo, menos confianza.   

Entre os apupos e consignas, hóuboos obscenos e lamentables, como os dirixidos a Lucas. O futbolista é un xogador da cidade herculina, ó que lle sae o “koruño” polos beizos, que leva unha temporada deportiva nefasta si, pero é un deportivista máis, que tamén sofre os malos resultados e o seu mal momento persoal. Non hai nin seis meses, que Lucas lle botou un pulso a todo un Arsenal para lograr voltar a súa casa, convencido de que o seu papel sería moito máis eficaz. A súa temporada é negra. Ben o sabe o dianteiro. En que lle axuda recibir a burla da súa afección, a mesma que foi a recibilo ó aeroporto coruñés como unha estrela? Neste punto hai que deterse e facer reflexión. O descenso máis que seguro xa do Deportivo é culpa de Lucas?   

Entre os apupos e consignas, hóuboos obscenos e lamentables, como os dirixidos a Lucas.

 

É certo que os resultados deprimen. Cita tras cita o conxunto branco e azul decepciona. Non sae do bucle no que se instalou desde que esta Liga prendeu motores. Encaixar outra vez un gol antes dos primeiros cinco minutos, no tres concretamente, cando este partido era unha auténtica final, e sabendo que os erros de concentración mataron a este equipo en moitas citas deportivas desta temporada, resulta totalmente descorazonador. É decepcionante comprobar por enésima vez que, sen tempo para sentarse na bancada, o equipo caeu outra vez nun dos seus clásicos: unha pérdida incomprensible de balón que colleu ó equipo nas verzas. Sen tempo para quecer os músculos, resulta inverosímil ver como Muntari fui incapaz de perseguir a Halilovic, anda que só fose para estorbalo, ou ver cómo os defensas no lugar de facerlle fronte parecían apartarse abríndolle un corredor para que puidese rematar cómodamente a xogada. Dan igual os nomes dos que cometen as graves faltas de concentración. Unhas veces son uns, outras veces son outros. O caso é que ó final o equipo tivo que volver enfrontarse a un marcador en contra, co que iso supón. Un gol en contra a este Dépor, igual que o de Mel ou o de Parralo, cústalle un mundo remontar. Malia todo conseguiuno, cun protagonista desconcertante: Albentosa. A insistencia de Seedorf en seguir poñendo ó peor central do equipo de titular tivo un premio inesperado. Imprevisble. A partir do empate, o Dépor tuvo máis protagonismo. Máis intención. Pero sempre insuficiente nos metros finais, onde a posición do balón cobra valor.

Pero amola moito máis comprobar que Seedorf é un adestrador en prácticas na Coruña. Un técnico que transmite que está cheo de dúbidas e inseguridades. Pregoa unha cousa, pero na práctica amosa outra. As imaxes de televisión evidencian que Seedorf non é un home preparado para ter tanta responsabilidade. Poucos adestradores deben ter ó seu carón tantos colaboradores e asistentes, polo menos de xeito tan palpable como mostran as gravacións de televisión nos resumos post partido. Pregunta a cada instante a cada un dos axudantes que ten ó seu arredor, asinte coa cabeza as apreciacións que recibe, e está sempre máis atento a que lleguemos digan o hai que facer ou o que non hai que facer. O simple troco dun futbolista convértese nun esperpento televisivo. Pendentes de pinganillos, de conversas. As decisións están pendentes de consultas que duran unha eternidade. No partido das Palmas vimos cómo Pedro Mosquera lle falaba á orella a Seedorf, e o técnico afirmando coa cabeza. A imaxe parecía transmitir que os papeis están cambiados, que non hai compás na dirección. Que o que se ve no campo sae máis do que queren e poden facer os futbolistas, ca das ideas do técnico. O holandés chegou á Coruña sen bagaxe, só co seu brillante nome de extraordinario futbolista intermnacional. Pero o seu palmarés non aporta nada ao Dépor. Da semente que bota só agroman pedras. Seedorf non gañou aínda un só partido, malia ter dirixido sete. O equipo que él dirixe na Liga só marcou dous goles a favor, o que significa unha produtividade de 0,28 goles por partido.

Amola moito máis comprobar que Seedorf é un adestrador en prácticas na Coruña. Un técnico que transmite que está cheo de dúbidas e inseguridades

 

A Liga está sendo moita competición para Seedorf, incapaz de collerlle o pulso, de saber darlle un xiro á forma de competir para obter resultados. A Liga non é o Calcio, e moito menos a competición chinesa. Para triunfar no fútbol desde os bancos hai que ter moitas horas de voo, moito máis coñecemento dos xogadores que dispón e dos rivais co que se vai enfrontar e un rigor técnico-táctico. É evidente que Seedorf é un ocurrente, un disparate. Iso si, ten un marabilloso sorriso que descubre unha fermosa dentadura nacarada. Pero con sorrisos non chegan os cambios que este equipo precisaba, nin tampouco os resultados que lle desen vida. Iso só lle funciona a Zidane, porque ten un equipazo de quilates e un xarrón de flores que rega día a día.  

A Liga non é o Calcio, e moito menos a competición chinesa. Para triunfar no fútbol desde os bancos hai que ter moitas horas de voo

 

Non pode ter queixa o adestrador do comportamento dos seus subordinados porque, polo menos en Riazor, pelexan cada minuto e nunca entregan os partidos. Hai compromiso si, pero tamén hai moita impotencia. Todo o que foi o equipo é insuficiente. 

Contra As Palmas o equipo volveu ter oportunidades máis que suficientes para poñer as cousas no seu sitio. Pero volveu a planear o gafe sobre o Dépor. Por exemplo, un Lucas malpocado enviou ó longueiro da portería de Chichizola o saque directo dunha falta. Ás Palmas saíulle barato forzar unha falta ó borde da área. Tivo o Dépor outras ocasións máis que suficientes para gañar. Andone e Lucas, principalmente, puideron logralo pero están negados ante a portería. Bakkali no último minuto tamén puido conseguilo. Pero nada. Está escrito que o descenso ten que ser dramático e pola vía rápida. Así parece que vai ser, salvo un milagre de Fátima e Lourdes á vez. 

A vitoria do Levante desafiuzou definitivamente ó Deportivo. O empate coas Palmas non lle serviu a ningún dos dous equipos, pero menos ao Dépor que ós canarios. Ós da illa aínda teñen un enfrontamento directo co Levante. Aos coruñeses xa non lles queda iso. Só un calendario que volve dar vértixe. Quen sabe se á desesperada… Cun adestrador tolo, pode suceder calquera cousa. Ata que soe a frauta sen ter unha partitura diante e sen saber música. 

Por rezar… que non quede. Fátima e Lourdes non quedan tan lonxe. Ou iso, ou que un dos axudantes de Seedorf traia urxentemente unha frauta, a poder ser a de Hamelín.