Nada no que fiar, por agora

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


O Dépor segue verde. Non ten un formato de xogo recoñecible. O arranque está a ser puramente especulativo. Marcar un gol e nadar e gardar a roupa. Vencer pola mínima. Sumar sen convencer. 

A dirección deportiva apostou por unha ruptura total co proxecto da temporada pasada, onde reducir o peso das fichas dos futbolistas da era Richard Barral [anterior director deportivo do clube] ten moito que ver para conseguir, entre otras cousas, que o límite salarial non comprometa o novo plan. A esa política de demolición controlada e de tratar de construír un proxecto por reposición, barato, hai que engadirlle unha mensaxe de baixo perfil. Semella que falar de ascenso á Primeira ás primeiras de cambio é un tema tabú, por cautela. Ambas cuestións, sen ser consciente delas, trasmíteas o equipo de Natxo sobre o terreo de xogo ó velo nestas dúas semanas. 

Unha vez máis, no campo do Extremadura non se perfilou o plan de xogo definitivo para esta temporada. Lóxico tendo en conta as entradas e saídas. Nos dous partidos disputados, o técnico parece que empregará ó longo do xogo diferentes despregues técnicos para buscar a máxima eficacia en termos de rendibilidade. Horas antes do partido chegou un novo central, un pivote defensivo e semella que nas próximas horas están por vir un ou dous futbolistas máis, un deles, polo menos de ataque.

Unha vez máis, no campo do Extremadura non se perfilou o plan de xogo definitivo para esta temporada

 

Vimos ante os extremeños un equipo con dúbidas, con falta de pólvora en ataque en momentos decisivos e cometendo erros defensivos que non foron a máis, por fortuna. Ao Dépor custoulle, ante un equipo menor, poñer rumbo ó encontro. Unha copia do primeiro partido co Albacete que rematou con menos sorte. 

Ao Dépor de Natxo González aínda lle queda atopar ideas moito máis claras, a súa identidade. Pero sobre todo ser máis valente e comportarse como un equipo que busca, realmente, o ascenso á Primeira División. Botar o cu cara atrás non é de equipos grandes nin de cadros que teñen obxectivos que cumprir. 

Botar o cu cara atrás non é de equipos grandes nin de cadros que teñen obxectivos que cumprir. 

 

Cando as novas incorporacións sexan definitivas e non queden máis días para andar de feira será hora de poñerlle unha lupa máis fonda ó equipo.

O bo é que, tras xogar dúas xornadas fóra da casa, o Dépor saíu sumando. Catro puntos de seis. É positivo, si, pero que non serva para confiarse. A Segunda non é moito de fiar.