Non foi “biscotto”, foi fame de Primeira

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


O Dépor salvouse pola campá. Ó estilo de como lle foi toda a temporada.

O Dépor salvouse pola campá. Ó estilo de como lle foi toda a temporada. Nun partido desesperante acadou logo un empate que foi como un subidón e con algún tinte de épica, máis polo logro obtido que polo mando real. Pero ata chegar a ese momento, que maneira de sufrir! E falaban do Atlético de Madrid! Ben lle iría un pedazo do himno do equipo colchoneiro aos deportivistas, porque mallan cada un dos seus rítmicos ripios. 

Que maneira de aguantar, 
que maneira de medrar, 
que maneira de sentir, 
que maneira de soñar, 
que maneira de aprender, 
que maneira de sufrir, 
que maneira de palmar, 
que maneira de vencer, 
que maneira de vivir, 

E engado eu: que maneira de empatar!  

Pero tamén é xusto dicir, que o Barça foi moi elegante co Deportivo e cos deportivistas. Sen facer sangue, sen empañar a súa festa coa tristura das bágoas dun descenso inevitable noutras circunstancias. Víctor Sánchez del Amo salva o seu equipo con 35 puntos! A permanencia máis barata.

Un empate que, por outro lado, desagravia unha Liga esquiva no ano 94 por culpa da diferenza de goles, pero na que o Depor foi co-campión, aínda que a Copa figure nas vidrieiras do Camp Nou. Tamén daquela ocasión perdida, cando o Barça puxo en bandexa evitar o descenso dos branco e azuis sen éxito. Como os coruñeses non remataron á porta en ningún momento, o Depor baixou á Segunda sen remedio e sen freos. Houbo outra ocasión igual, pero foi co Valencia. Tamén eles puxeron outra alfombra ó Dépor, pero o equipo estaba tan acovardado que sucumbiu por inacción.

A ocasión en Barcelona pintaba negra. Sacar un resultado positivo no Camp Nou era unha misión imposible. En toda a temporada, os locais só perderan dous partidos. Ningún empate en todo o ano. O resto, vitorias culés. E por riba, o partido comezou como se esperaba. Messi marcou, sen tempo para quecer os músculos. 

Víctor Sánchez del Amo salva o seu equipo con 35 puntos! A permanencia máis barata

O gol da Pulga foi unha puñada á fe. Un mal despertar. Unha volta á realidade. Se cadra, con dor e cabreo porque o gol naceu, outra vez, dun córner a favor. Mal sacado, sen rematar, propiciando ó rival ó contragolpe. Unha ocasión servida ó mellor equipo este tipo de xogadas. O Dépor ten a manía de converter as ocasións a prol en contras letais. Parece mentira. Poucas leccións aprendidas este ano. Por enésima vez, o Depor tiraba unha ocasión a balón parado. O peor foi o momento, cando a tensión debía estar fresca, intacta. E, por riba, o Eibar, ao mesmo tempo, marcando na súa casa e poñendo os de Víctor Sanchez del Amo en Segunda. 

Aínda que o Barça xogaba e xogaba e xogaba ó toque, mareando a bola, dun lado ó outro. Adivinábase que o equipo de Luis Enrique non quería humillar ó seu rival. Os culés non apertaban, non asfixiaban. Non golpeaban. Manexaron ó seu antollo ós de Víctor, con gran facilidade. Demasidada. Os cataláns dedicáronse a mimar o coiro a xogar con ela como se non houbese rival. Semellaba que querían dar aire aos deportivistas, que aquel partido non ía saír atropelado do Camp Nou.

Un gol anulado por fóra de xogo puido ser a puntilla definitiva. Pero o chifro de Clos Gómez deu unha segunda oportunidade. Foi un aviso. Pero non houbo reacción. Os deportivistas seguían sen dar sinais de botar un tímido pulso. A terceira oportunidade azul e gra veu das luvas de Fabricio que fixo unha dobre parada espectacular. A Messi, primeiro, e a Pedro, despois. Outra vez, o segundo gol do Barça quedou sen luces no marcador. As luvas de Fabricio quedaron vibrando na cámara super lenta. Na Coruña, as mans á cabeza. Tapando os ollos para non ver. Pero o gardameta do Dépor detivo o acoso azul e gra con firmeza, con convencemento. Incríble. Unha parada de Primeira! 
 
Fabricio, San Fabricio salvou ó Depor. Pero a mensaxe do tridente era claro: ían en serio. Cando quixesen, como quixesen.

Ninguén daba creto ó que pasaba. O Dépor pululaba polo campo. Ferido. Morto. Cos brazos baixados. Sen intentalo. Agochado no seu propio campo. Sen dar mostras de reacción. Convencidos de que o 1-0 era un muro imposible de saltar. E por iba, lesión de Canella por unha mala caída, que o deixou KO. Álex para un carril, Laure para o outro e pé cambiado. Podían poñerse peor as cousas? 

Pois si, podían. Un guión lóxico. Con Messi e Neymar no campo non podía pasar outra cousa. Acaba de iniciarse a segunda metade, a defensa deportivista adiantada e metros para dous galgos. Gol e pesadelo. Como levantar un partido no Camp Nou, perdendo 2-0 e coas contas dunha hipotética vitoria ou empate do Córdoba en Eibar no lixo?  

Co Barça xa de festa, mirando de esguello a copa de campión de Liga, e pensando nas dúas finais que están por xogar, o Dépor buscou unha combinación imposible, só con corazón e empurrado coa forza dos da casa. Con Álex Bergantiños de lateral metendo un pase intelixente a Borges, pasándolle o puñal. É incrible o que fixo esta temporada Bergantiños, incrible. Fíxoo todo ben en postos onde non había que esixirlle nada porque simplemente non se esperaba. O costarriqueño incorporado ó ataque conectou unha asistencia en semifallo, coa sorte de que o coiro saíu rebotado das botas de Mathieu, en dirección aos pés de Lucas, que malia estar de costas a portería, tivo tempo para a reviravolta e mandar a pelota á escadra, como se lanzase un flotador xigante para rescatar ó equipo do naufraxio. Un golazo salvavidas. Un hinchable ó que agarrarse desesperadamente para buscar a beira nunha última brazada. 

Por fin, o Dépor apertou. Viu esperanza. Agarrouse á épica. Cheirou a relaxadura azul e gra. O gol de Lucas acendeu unha luz potente, sinalando o punto de rescate. Na beira tirando con forza, unha cidade. Unha afección son sentimento de Primeira. Empurrando a cada un dos futbolistas cara a porta de Masip. 

Oriol deixou fóra de combate a Bartra, que tivo que marchar por un golpe. Un sinal que os cataláns interpretaron ben: non se vai mancar ninguén máis. O Barça tamén moito que perder, sen merecer a pena. Foilles abondo coa lesión do canteirán. A partir de entón, barra libre! 

Como ía un Barça en plena festa mandar un rival nobre, que noutros tempos lle disputou varias Ligas, á Segunda!

Iso si, os deportivistas tiñan que poñer do seu lado. E chegou de falta. Medunjanin tirou contra a barreira unha vez, e outra vez, e, por fin Salomão, coa esquerda, estirou a perna en toda a súa extensión como si quixese colocar desde 11 metros o coiro co pé no fondo da rede. O gol da permanencia, un tanto que marca o inicio dunha segunda oportunidade. Histórico! E alí estaba xa esperando na beira unha afección ansiosa tirando con toda a súa forza para auxiliar ó equipo. 

Xa só quedaba a festa da despedida a un dos grandes do fútbol. A saída de Xavi serviu para asinar un pacto entre cabaleiros. Aquí paz e despois gloria. Honra a Xavi e folgos para o Dépor.  

Como ía un Barça en plena festa mandar un rival nobre, que noutros tempos lle disputou varias Ligas, á Segunda!

Rematou unha temporada dura, insufrible, imposible, esgotadora. En ningún guión se podía prever que un Depor, infinitamente inferior, podería disputar ante o mellor equipo de Europa un partido a vida ou morte. Saíu vida. Pois que viva!