Lamberán as feridas, pero nada máis.


Lamberán as feridas, pero nada máis. Sacarán conclusións, as necesarias, pero sen volverse tolos. Voltarán dolidos, pero só no orgullo. 

5-0. Pero ningún gol de Cristiano Ronaldo, e iso que estaba ben peiteado para a foto. A goleada, din, foi cousa do efecto Zidane. Unha lectura simplista, pero que han comprar todos os próceres madridistas porque é o que toca, o que convén.

Pero a análise perde forza cando se fai zoom sobre pequenos detalles do encontro. O Dépor foi valente no Bernabéu. Deu a cara. Saíu a xogar con descaro, sen medo, co seu estilo, co seu caracter. Durante o primeiro tempo tivo moitas ocasións de gol. Só a precipitación, o exceso de ansiedade, truncou o perigo ocasionado ante a portería de Keylor Navas. O Madrid non soubo, nin puido, frear ó Deportivo de Víctor Sánchez del Amo. A diferenza de calidade, moi grande, é obvio pero hai que recoñecelo e lembralo, porque foi o que definiu o partido. Ah!, e un pequeno detalle: o árbitro. Segunda vez consecutiva que falo deste tema sen moitas ganas. 

Que a goleada non os engane. Non foi para tanto. Sobre todo porque o obxectivo, de momento, está cumprido na primeira volta

O Madrid marcou o seu primeiro gol en fora de xogo manifesto. Difícil de ver para o colexiado e, posiblemente, tamén para o liña. Tampouco e cousa de criticar por criticar. Pero este gol tivo moito máis peso no psicolóxico que no futbolístico. O Dépor estaba xogando mellor, moito mellor. Puido marcar en dúas ocasións. Pero no gol madrileño, Lux non podía facer nada porque estaba tapado por dous xogadores, un deles, en posición de fóra de xogo, e en clara zona de influencia sobre o porteiro. Tanto que era imposible que puidese ver. Conclusión: fóra de xogo. Gol ilegal. Un gol que foi coma un puñal, que abriu unha ferida mortal para o resto do encontro. O Dépor quixo ser o mesmo, pero en defensa as dúbidas foron afondando minuto a minuto, e a ansiedade medrou en ataque porque a maior parte das decisións caeron na precipitación. 

Malia todo, o equipo branco e azul seguiu sendo o mesmo. Descarado. Ben plantado. Tocou o coiro con criterio. Pola banda dereita. Pola banda esquerda. A batalla no medio campo gañouna o Deportivo en todo momento.

Houbo mans inocentes e un agarrón punible sen castigo. Dous posibles penaltis na área branca que non se pitaron. Aí queda eso. Estes son os datos. Súas as conclusións.  

Que a goleada non os engane. Non foi para tanto. Sobre todo porque o obxectivo, de momento, está cumprido na primeira volta. Agora que comeza a segunda metade da Liga só teñen que certificar que o do Bernabéu foi un accidente controlado. 

E que sigan falando de Zidane. Pero ollo, porque cando cheguen a Riazor igual os que se divirten son os seareiros deportivistas, un pouco máis que a ledicia do efecto post Benítez.