A situación do Dépor era algo visto. Hai xornadas que está ofrecendo esta imaxe plana. Desde o inicio da temporada vese que cando o rival xoga con moita velocidade, o Dépor non sabe dar resposta. Cando o rival consegue desprazar o balón con axilidade, a defensa deportivista é lenta e non é quen de atallar o perigo.

De nada serviron as grandes intervencións de Dani Giménez. Estivo a punto de darle outro punto importante ó equipo. Case o consegue. Pero o vendaval mallorquín foi tan grande que nalgún momento tiña que caer o gol. O Mallorca gañou ó Dépor por insistencia. Por machacón. Por ter máis fútbol. Por ter mais ideas. Por saber cómo restar o fútbol do Dépor. 

O Dépor está en crise. Non hai dúbida. É un feito. En tres partidos non foi quen de marcar un gol. Nesta categoría o momento de baixón é esperado. Sorprende o baixón nun equipo que está pensado para ser líder. O que está claro é que non se comporta como un líder e que en toda a temporada non foi realmente un líder. Está a tempo de demostralo.

Desde o inicio da temporada vese que cando o rival xoga con moita velocidade, o Dépor non sabe dar resposta

 

Pero Natxo ten que darlle unha volta ó rombo. Porque Natxo vai seguir xogando con rombo. Non vai mudar de sistema. Morrerá así a temporada, se lle deixan os resultados. Ten moitos homes para un mesmo posto: o de pivote. Faltan homes para os vértices do rombo. A punta do rombo en ataque non ten a un home clave que realmente faga esa función para o que está previsto este sistema. Xa que logo, Natxo ten que aclararse e confiar nun once. Non pode estar mudando constantemente de futbolistas. 

O rombo perdeu a maxia, se tivo algo dela nalgún momento, e conforme foi avanzando a competición é un xeito de xogar que todo o mundo sabe que ten que contrarrestar porque non hai sorpresa. Agora xa non hai definición. 

Natxo vai seguir xogando con rombo. Non vai mudar de sistema. Morrerá así a temporada, se lle deixan os resultados

 

A seca de goles é preocupante. As contas non saen e xa empeza a ser máis importante vixiar ós equipos que veñen apretando por detrás que a distancia que se perde por arriba.