Xa era hora de poder contar algo alegre. De escribir algo en positivo. De poñer en positivo algo do Dépor. Posiblemente é tarde, moi tarde. A vitoria do Levante escurece unha fin de semana que comezou moi ben. 

Dicíamos a semana pasada que sen goles non hai paraíso. E os goles chegaron nunha cita case dramática ante o Málaga. Polo menos para que o equipo de Seedorf evite a posición de colista. Remontar en dúas ocasións o partido demostra que o cadro branco e azul compite e quere competir. Este foi un dos poucos partidos onde se pode dicir que houbo sináis de capacidade de reacción. Esa reacción que se demandaba a estes futbolistas desde hai moitas semanas, antes incluso de que comezase a xeira Seedorf. Pero o Dépor estivo moi torpe no que a mentalización se refire. De aí que a importante vitoria branca e azul serviu só para para degustala por unhas horas, ata que o Levante amargou o doce momento. Porque o Levante si que reaccionou a tempo, como o Alavés. Unha reacción que o axuda a despegarse. De momento, un despegue que non é definitivo, pero obriga ao Dépor a non esvarar practicamente nin unha soa vez.

E o Levante si que reaccionou a tempo, como o Alavés. Unha reacción que o axuda a despegarse

 

O xogo ante o Málaga tivo altos e baixos. Non foi un gran partido do Deportivo. Mesmo volveu dar sinais na parcela defensiva de estar, ás veces, como sempre. Aínda que o equipo manifestou estar activo en ataque, creando ocasións e achegándose con máis perigo á porta de Roberto, con máis oportunidades claras que os andaluces, o certo é que lle faltou, para ser un partido perfecto, manexo dos tempos. Moi sinxelo de dicir, pero moito máis complicado de cumprir se temos en conta que o equipo herculino leva tempo en bucle, caendo sempre en erros que son como unha condena. A sorte caeu desta vez do lado branco e azul. Tivo máis acerto. Ese foi o seu premio. 

Este tamén foi o partido de Lucas. O dianteiro coruñés tivo un bo día, Necesitábao. O do venres foi o Lucas esperado polos afeccionados toda a temporada. Un Lucas lider, goleador, con peso específico no ataque. Forzou un penalti, que en Málaga discuten, pero o atacante do Dépor foi moito máis hábil que o central, que caeu na trampa ao derrubalo. Houbo tensión antes do lanzamento. As pantasmas da última pena máxima de Lucas ante o Espanyol estaban presentes. Liquidou o mal fado cun punteirolo ben colocado. E de paso, pediu perdón por unha temporada que deixou ata agora máis sabores agres que doces. Lucas era o futbolista esperado, pero as grandes cualidades que ten como goleador quedaron atrapadas na illa británica após un ano de escasa actvidade. Lucas enferruxou no Arsenal. E custoulle máis de media temporada no seu regreso á Liga española para quitarse toda a ferruxe. No gol de Lucas, na posterior celebración e nas explicacións pospartido sobre ese momento, quedou constatado que, pedindo perdón, liberou unha carga moi pesada que o estaba arrastrando cada vez que xogaba e sen ter éxito e co seu equipo afundíndose.

O do venres foi o Lucas esperado polos afeccionados toda a temporada. Un Lucas lider, goleador, con peso específico no ataque

 

O gol veu moi cedo e incluso se fixo demasiado tempo para poder ser manexada tanta ledicia con tanta presión. O Dépor recuou e pagouno caro cando o respiro do descanso estaba por chegar. Tivo ocasións ó contragolpe, pero non tivo éxito. Soprendeu antes o Málaga e iso fixo tremer as pernas locais. No descanso, Seedorf sacou do seu libriño táctico unhas verbas en positivo, rescatadas dese mundo feliz no que vive, para reforzar a moral da súa tropa e puxo a Borges no campo por un Muntari sen flor. A segunda metade xa foi outra cousa. O equipo sacou a casta que se lle supuña ó principio da temporada. Lucas case volver marcar e Guilherme volver acertar cun pau, constatando que o Deportivo, despois de Barça e Madrid, é o equipo que mellor atina coa madeira da Liga. Sen paus… quen sabe onde estaría agora o equipo. Adrián, que estivera escuro no primeiro tempo, brillou no resto dos minutos. O asturiano por dúas veces rescatou a esperanza e devolveu o creto perdido durante todo o ano. A sorte foi completa porque o Málaga, que tamén estivo valente, deu tamén coa madeira de Rubén.

No descanso, Seedorf sacou do seu libriño táctico unhas verbas en positivo, rescatadas dese mundo feliz no que vive, para reforzar a moral da súa tropa e puxo a Borges no campo por un Muntari sen flor

 

O Dépor tivo así un día de sorte. Como o rival ao que lle gañou era o colista, está claro que non está a cousa para botar foguetes. Ao equipo de Seedorf custoulle un mundo sacar a primeira vitoria após nove partidos co adestrador holandés. Tarde, moi tarde. Mel durou nove partidos como técnico branco e azul esta temporada e nese tempo sacou dous puntos máis ca Seedorf. A día de hoxe dous puntos máis na táboa fronte ó Levante si que cotizaban a alza en termos de esperanza.

Por unha vitoria, nove xornadas despois de que chegase Seedorf, non se pode concluír que a recuperación está xa aí. O fútbol moderno é unha montaña rusa, como o partido do Dépor ante o Málaga, que lle trouxo os tres primeiros puntos, todos xuntos, do ano 2018.

Non é cuestión de crer. E cousa de ter máis acerto. Sexa como sexa.