Os partidos do Dépor subiron un novo chanzo. Da decepción, á desolación ou á desesperación... Agora xa son insoportables. Porque, parece mentira, pero é que do Dépor non se espera nada de nada. É un oceano insulso. O mar morto. Sen poder de reacción. Sen reacción. Sen acción. E parece mentira porque está na obriga de intentalo, porque leva todo o ano como unha marmota durmindo partido a partido na liga, porque os rivais estaban aínda a tiro de pedra -coa vitoria do Levante a permanencia empinouse a cotas difícilmente remontables-, e, sobre todo, por respecto á afección. Quedan dez partidos. Dez. Tempo suficiente para amosar que o equipo ten algo de sangue, que de verdade está capacitado para superar unha temporada lamentable que deixa a xogadores e club na picota.  

 

Seedorf chegou para darlle á volta a situación, para ser un factor de transformación. Pero o traballo do holandés non é capaz de darlle a volta á desastrosa temporada. Deulle unha volta máis ao caos que xa tiña o xogo branco e azul. O traballo de Seedorf non se pode defender con números. Con nada. Non xoga nin para ser resultadista. É peor que o de Mel e o de Parralo. Superou a Domingos Paciência. E todo porque o fútbol que dirige Seedorf carece de orde, carece de racionalidade nas decisións tácticas, na elección dos homes para o once inicial, para a elección dos homes do banco da suplencia, dos que manda á bancada a ver o partido. Incoherencia e desequilibrio. 

 

Pero o peor da chegada de Seedorf xa non é só o que planea para cada partido. É o que transmite e cómo o transmite fora do campo. Os postpartidos de Seedorf son tan temibles como a preparación dos encontros. E viceversa. Gústame moito que o adestrador, o que sexa, teña un talante positivo, sexa sempre educado, que manteña o tipo nas roldas de prensa…, pero que a sensación que queda despois das comparecencias do holandés sexa que se ri dos profesionais da comunicación e, xa que logo, da afección, non pode ser.

 

Mentres a maioria vemos que o equipo está morto, Seedorf di que o seu equipo está vivo ou, tras unha derrota, case sen pasar polo vestiario, é capaz de dicir que a moral está levantada. Seedorf rebélase ante os que tratan de dicirlle ao técnico que o rei vai espido pola rúa. O holandés non observa tal impudicia. Segue vendo un equipo traxeado, coas costuras disimuladas baixo un pano de seda. A realidade é outra. Seis partidos, dous puntos de dezaoito, dous empates e catro derrotas. Un só gol a favor, que chegou en propia porta. O traxe de Seedorf é invisible. O Dépor co holandés fai unha media de 0,33 puntos por partido. Un xastre desastre.

 

Que a sensación que queda despois das comparecencias do holandés sexa que se ri dos profesionais da comunicación e, xa que logo, da afección, non pode ser.

 

De Girona non hai nada que destacar. Nada. A primeira xogada con algo de perigo e onde se viu ó porteiro rival foi pasado o minuto oitenta de partido. Xa que logo, só quedan erros. Só desacertos. Pouca competividade. Sorprende que sabendo como sabía o técnico que unha das fortalezas dos locais, que xogaron o trantran co Dépor na súa casa, era o xogo a balón parado os futbolistas de Seedorf caeron no calote dos cataláns. É curioso porque Seedorf recoñeceu previamente ó xogo que a habilidade do Girona era explotar con toda a rendibilidade posible as oportunidades xurdidas nas faltas. Ao Dépor pilláronno nas patacas. Dúas xogadas parecidas, con erros parecidos. No segundo gol ata catro defensas estaban diante do rematador pero ningún dos catro saltou coa potencia de chimpo de Juanpe.

 

O desalento desborda tamén porque a desorde técnica e táctica do equipo gran e azul é tan grande que desespera. Con Seedorf, Mosquera, por exemplo, xa xogou de mediapunta, de central e no seu posto natural. Non é o único caso. Xogadores que entran e saen sen siso. Futbolistas que repiten sen saber moi ben por que, case de forma inxustificada, como o caso de Albentosa, son motivos que fan caer ós afeccionados no pesadume.

 

Con Seedorf, Mosquera, por exemplo, xa xogou de mediapunta, de central e no seu posto natural. Non é o único caso. Xogadores que entran e saen sen siso   

 

Onde Seedorf observa que o equipo xa ten unha identidade baseándose en que os adversarios non chegan como antes á área coruñesa, o resto dos mortais ven un martirio.

 

Se o estilo de Seedorf vai seguir sendo este, se non é quen de ver que os métodos que aplica non valen, ao club non lle vai quedar máis remedio que volver mover o banco e confiar nun adestrador que coñeza realmente o potencial que ten o actual cadro de xogadores con todos os seus infinitos defectos e carencias. Un técnico que saiba cómo e a quen sacarlle os puntos, se que hai capacidade para iso, con vistas a que o Dépor consiga salvarse dun descenso que arestora está máis que asegurado. No propio club hai homes, como Manu Mosquera, esperando unha oportunidade. Na lista pode haber outros técnicos locais que coñecen ben a este Dépor ao que xa non lle quedan fíos de tanto rebentar as súas costuras.

 

 



x