Para ascender hai que crer

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Ao Dépor hai algo moi importante que lle falta. Crer que pode ser líder. E por aí se explica o que se ve do equipo de Natxo González en moitos momentos da temporada. Desde esta columna de opinión, cando comezou o campionato, non se entendían as mensaxes timoratas e pouco claras que saían desde dentro da caseta sobre o obxectivo do Deportivo ó comezo da temporada. Seguen sen entenderse. Pero son a explicación de que desde o principio o Dépor, de portas para dentro, só cre a medias. Por esixencias da mochila económica, cento sesenta millóns de euros de débeda acumulada que é a que carga ás costas a nova directiva do club, non cabe outra ó equipo que apostar polo ascenso directo. É unha cuestión de supervivencia. 

O Dépor é o segundo club da Segunda División con máis cartos para gastar en xogadores. Pero en toda a temporada, en vinte e sete xornadas disputadas, só en unha conseguiu estar en postos de ascenso directo. En ningunha delas alcanzou o primeiro posto da clasificación. 

Outra vez, o equipo de Natxo tivo a oportunidade de estar en postos de ascenso, e outra vez non o conseguiu. Outra vez, os erros á hora de definir ante a portería rival. Quique González, Borja Valle erraron ocasións clarísimas. Outra vez Fede Cartabia non sobresaíu sobre o resto, malia ter calidade para iso. A falta de acerto non é unha cuestión de sorte ou de puntería. É unha cuestión de cabeza, de mentalidade, fortaleza mental. 

Esta semana vimos como un adestrador é capaz de gañar un partido desde a banda coas súas decisións

 

O Dépor con seguridade quere gañar cada un dos seus compromisos de Liga. Pero non chega con querer. Hai que demostrar que se quere, que se pode. Ao Dépor fáltalle psicoloxía, forza, cerebro, ser moito máis aguerrido -sen violencia-. Os de Natxo non saen enchufados ó campo, ou perden esa fortaleza ó longo do partido. Esa psicoloxía é un plus que o Dépor acusa e que fai que non peche os partidos. É unha cuestión que vai máis alá dos partidos. A mentalidade gañadora é un intanxible que hai que traballar tamén durante a semana. Giménez, o meta deportivista, a golpe de semana previo a xogar en Málaga, apuntaba a esa falta de mentalidade necesaria para rematar os partidos co obxectivo que se persegue. 

A tres minutos para o final do encontro, co Dépor envorcado ao ataque, co Málaga pechado atrás, Natxo González sacou do terreo de xogo a Borja Valle e substituíuno por Somma. Un dianteiro por un central. Ese tipo de decisións por parte do técnico son as que indican cal é a correa de transmisión que hai dentro da caseta. Esta semana vimos como un adestrador é capaz de gañar un partido desde a banda coas súas decisións. Fíxoo o Cholo Simeone na Champions ante a Juventus. Sobráronlle os xestos de despois. A Natxo fáltalle testosterona á hora de tomar decisións. Está gañando a pulso o título de amarrategui. Primou sobre o técnico a defensa de sumar un punto e seguir en postos de promoción, baixando á quinta praza porque o Granada sumaba si ou si esta xornada pola desaparición do Reus, que a de ir a por todas e poñerse segundo, en posición de ascender directamente.

Ese é o resumo de Málaga. Para ascender hai que crer. Para gañar hai que ter mentalidade de ir a polo partido. Para marcar hai que arriscar. 

Haberá quen faga moitas lecturas positivas do empate. É certo que o Dépor sigue sumando, que na segunda volta non perdeu ningún partido. Que ten o factor numérico a favor en canto á diferenza de goles. Que o equipo está en postos de promoción e moi preto de alcanzar a segunda ou a primeira praza do campionato.

Cada vez hai máis equipos soñando co mesmo obxectivo que o Dépor por non saber dar con rotundidade unha machada ó campionato

 

O final da Liga vese no horizonte. As xornadas consómense pouco a pouco. Cada vez hai máis equipos soñando co mesmo obxectivo que o Dépor por non saber dar con rotundidade unha machada ó campionato. 

O Dépor saca bos resultados, pero non resultados brillantes. Por mor diso o manexo do campionato se aperta semana a semana. 

O Dépor está a tempo de mudar de pensamento, pero teno que facer xa. Agora que ten tres partidos en Riazor é a hora e o momento para demostrar que presenta candidatura de forma innegable ó ascenso directo. 

Axudará que apareza xa no once do equipo Carlos Fernández. O equipo necesita como o comer un dianteiro fresco e coa menta máis despexada.  



x