Perder ata no corre que te pillo

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Desta temporada xa hai unha pequena conclusión. Este Dépor non ilusiona, decepciona. Vai de decepción en decepción. E todo nace por un discurso morno ó principio da temporada, onde non se foi rotundo coa mensaxe acerca do ascenso. A decepción non é só de resultados, é máis ben de xogo, e da hexemonía do Deportivo, a cal se espera pero non aparece por ningún lado. 

O Dépor está entregado desde hai tres meses ás individualidades. A que veña alguén e trate de resolver o que por xogo non é posible sacar. O fútbol desapareceu do campo, pero, sobre todo, das cabezas dos futbolistas e tamén, e por encima deles, do adestrador. Natxo, á vista do que se ve do equipo, non convence cos argumentos. O plan de partido semella deseñado para un equipo pequeno. O comportamento, agora, na recta final é dun equipo pequeno. E leva sendo así moitas últimas semanas, sinal de que as ideas, por moitos cambios de sistema que se introduzan, non existen ou son moi malas. Pasan as semanas e nada cambia. 

A Natxo sálvanlle matices, a inspiración dun futbolista que cambie algo, como sexa. O desexo desesperado de que Carlos Fernández se recuperase era unha evidencia. En Oviedo, o matiz foi Carlos Fernández. Unha moi boa nova para o club e os afeccionados, pero sobre todo para Natxo. O empate vai servir para o rescate do adestrador, momentáneamente. O rescate dun descrédito gañado partido a partido coas súas correspondentes decepcións, a dos resultados e coa sombra dunha crise colectiva excesivamente longa. Un equipo que pasou de saber que era e a que xogaba a outro dubitativo, temeroso e sen ganas de ser protagonista. Comezan os partidos coa intensidade de que acaben canto antes e sen que nada pase, que ninguén saia mancado.

Carlos Fernández deu unha asistencia que se converteu en gol. Esa foi a única acción salvable do partido dos herculinos. O empate serviu para taponar as perigosas iniciativas ben plantexadas e traballadas por Anquela. 

A loita táctica gañouna Anquela no partido, mentres Natxo só gañou no terreo do matiz, gracias a Carlos. Tácticamente, elexiu mal os homes para o rombo na primeira metade. Unha mala elección recurrente, por outra banda. Se o rombo se puxo en entredito na primeira volta foi polos homes que escollía, non porque non fose un sistema válido e rendible. O plan de Natxo falla porque falla a montaxe. A primeira parte en Oviedo evidenciou o claro erro na estrutura dese rombo. Persistiu ó comezo da segunda metade, ata que, por fin, entraron Silva e Fede Cartabia. Pero para entón a Carlos Fernández apenas lle quedaban minutos, pola lóxica de non forzar a un recén saída da enfermería. 

O Oviedo deixou mellor imaxe ante os afeccionados. Pero os tres mil deportivistas que foron a Asturias regresaron con dúbidas, e sen ter a sensación de que o equipo gustase. Porque non, non gustou. E quen menos gustou foi o adestrador. Todo o contrario que as sensacións do técnico, que dixo ó remate do partido que estaba contento e que para el o seu equipo traballara moi ben. En realidade, estragou unha nova oportunidade. Unha de tantas esta temporada. É o único equipo dos aspirantes que non foi capaz, por agora, de demostrar, nalgún momento, que ten capacidade e méritos para lograr o ascenso.  

Mantén o nivel e a regularidade Dani Giménez, que unha vez máis foi a clave para sumar un punto. O gardameta vigués é espectacular. Está centrado e sempre cumpre. A defensa tivo momentos de fraqueza, perde peso mentres a crise afonda. Nos primeiros corenta e cinco minutos, os centrais estiveron nerviosos e dando sinais dunha falta de confianza preocupante. Unha vez máis a falta de eficacia fixo perder dous puntos na carreira de persecución na que andan xogando os branco e azuis. Xogan o corre que te pillo e nunca collen a ninguén. Todos se lle escapan. Hai semanas que os rivais viron que as cousas había que tomalas máis en serio.