A promoción é a segunda oportunidade do Dépor

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


O Dépor xogará a promoción. Máis dun berrou Aleluia! E había gañas de berrar algo alto e claro porque os afeccionados celebraron a clasificación no sexto posto da Liga regular de Segunda División como se xa conquistara un fito importante, como o ascenso. 

E berrou de alivio esa afección porque unha vez máis volveu desesperarse coa chea de ocasións erradas. Moi claras. O que aumenta a tensión e os nervios non só dos xogadores, superansiosos, tamén da bancada, que desexa boas novas, pero á que lle custa satisfacer.

Se o Dépor rematase o primeiro tempo 5-0 a ninguén lle sorprendería. Finalmente, foron ao tempo de lecer con 1-0 e marcando na última xogada xusto antes de pitar o final dos corenta e cinco minutos. Martí ten que explicarlles a Valle, Pedro Sánchez, Cartabia que teñen que xogar con menos presa e con máis acerto. A precipitación pode moito con eles. 

Cando o Dépor estraga tantas oportunidades dá a sensación de que o lle queda é a táctica do mal xogador de billar iniciando a partida espetando a bola branca ó centro das bolas que forman o triángulo de saque con toda a potencia ao que saia, a rachar. Así é como disparan os futbolistas do equipo de Martí cando están ansiosos. Ó tolo. A romper. Ó que saia. 

Completado o campionato regular seguimos sen saber a que xoga o Deportivo. Segue sen ter un estilo. Co cambio de técnico, o equipo ten momentos dunha anarquía que exaspera ó público. 

Esa fórmula serviulle para sacar o partido ante o Córdoba, quen por certo tivo uns minutos nos que se achegou con perigo dándolle un susto de infarto a Dani Giménez e ao público. O meta vigués estivo outra vez soberbio e decisivo no momento máis oportuno. Se o Córdoba conseguise marcar nese momento, quen sabe o que pasaría!

O caso é que o Dépor de tanto ir á fonte escachou a ola en beneficio propio. Primeiro, marcando case baixo os paus. Despois, na segunda metade de tremendo zapatazo de Pedro Sánchez. Un golazo. 

Completado o campionato regular seguimos sen saber a que xoga o Deportivo. Segue sen ter un estilo. Co cambio de técnico, o equipo ten momentos dunha anarquía que exaspera ó público. Non se lembra, por outra banda, cando lle sacou partido a unha xogada a balón parado, desde unha falta a un saque desde o curruncho. A estas alturas, sen tempo para pensar, nin para mudar estilos de xogo, o equipo de Martí afronta a promoción con moitos motivos para pensar que non é o favorito entre os catro que promocionan. Se vamos ó exemplo da Copa, os resultados din que quedou fóra co Zaragoza moi cedo. Pero, por outra banda, todos os equipos chegan cunha enorme carga de partidos onde o que aconteceu na Liga xa non conta para case nada, porque en quince días se poden concentrar todos os obxectivos dun ano. Unha lotaría. 

Hai moitas razóns para pensar que quen sexa máis forte psicolóxicamente dos catro é o que pode cobrar definitivamente o ascenso. Sen dúbida, o que cometa menos erros gañará. Fallar ocasións contarán como erros. Velaí que o mes de xuño para o Dépor é como unha repesca, unha forma de recuperar os suspensos na avaliación da Liga. Se o Dépor demostra que ten ben estudados os seus defectos e é quen de non repetilos terá un alto grado para triunfar.

A festa de Riazor ó final do partido de Córdoba ten moito que ver con esto último. Unha forma de cargar enerxía, positivismo, de facer borrón e conta nova. Sacudirse a presión por lograr un reto: a promoción. Os futbolistas de Martí precisaban crer. Dalgún xeito os dez minutos de festa, de luces e de música pretenden iso. Fortalecerse psicolóxicamente cara o reto que lles vén encima, onde non caben erros, onde non hai segundas oportunidades e onde non vai haber quenda de penaltis para un rescate apurado de última hora.