Quique González rescata o Dépor

Carlos Alberto Sánchez - Xornalista


Explota moi ben os resultados este Deportivo, que aínda ten por definir un estilo de xogo, e que consolidan o equipo entre os postos de ascenso, que polo momento son só postos de promoción non de ascenso directo. O cal confirma o que se espera deste equipo. Que está obrigado a disputar os postos de ascenso, e, xa que logo, a maneira un discurso máis valente e decidido.

Quixo Natxo repetir once, o de inicio do pasado luns en Riazor, e non o que acabou dándolle a volta ao taboeiro de marcas. A fórmula inicial en Tarragona foi gris, sobre todo polos erros inexplicables de Pedro Mosquera, con excesivo peso sobre a súa posición, obrigado a saír desde moi atrás co balón xogado. O centrocampista coruñés non tivo o seu día. Non atopou ben o seu sitio e perdeu balóns ante tanto traballo para él só. Nunha desas perdas, o Nastic aproveitou o erro visitante para sacarlle partido e Tete Morente abriu o marcador executando un trallazo excelente. Ata daquela, as ocasións herculinas non foron claras. Non houbo dominio herculino en Tarragona, e co marcador en contra a esixencia debía dobrarse para devolver a confianza sobre este equipo que está chamado a ser moito máis.

O gol do Nastic colleu en frío o Dépor, pese a que xa pasaban vinte minutos do arranque. Custoulle atopar a forma de poder atopar unha forma de chegar a porta. Ata que apareceu Saúl que está a ser unha das grandes novas da temporada. O lateral está pedindo un sitio seguro no carril esquerdo de Natxo. O seu centro atopou un oco perfecto para Quique González que rematou ó fondo da rede sen ningún problema. A igualada devolveu a tranquilidade, xa que o primeiro tanto dos tarraconenses foi como unha puñada para o equipo. 

Co empate, os problemas no centro do campo persistiron cos erros de Pedro Mosquera. En defensa achicaron mellor as chegadas locais e sen facer enormes esforzos, con esperar a que o Nastic tivese un descoido. O Dépor paseou o balón polo campo de toque en toque. A combinación foi a clave da remontada. 

Outra vez dos mesmos protagonistas, Saúl e Quique González xuntaron a súa química para obter a fórmula letal do gol. O cadro coruñés asinou a remontada co vallisoletano, que leva seis goles en sete xornadas, e é un pichichi sólido para os branco e azuis. Unha excelente nova para Natxo, que observou cómo a falta de pólvora estaba a dar outra idea da planificación do equipo. Se Natxo funciona así de ben, outro ceo se abre no cadro deportivista. Precisa un home gol para coller a dirección do ascenso directo. Se a racha segue así, Quique sería un estupendo maná para Natxo. Por agora funciona. O técnico porá velas na enfermaría para que as lesións non corten a xeira do dianteiro que ten con máis acerto.

E fará ben en poñer velas a todos os santos milagreiros, porque en cousa de poucos minutos, Cartabia, que saíra para certificar a vitoria branco e azul, tivo que retirarse coas bágoas correndo pola faciana, por mor dunha mancadura que se fixo él só. Outra vez unha lesión se ceba co arxentino. Semella ser de cristal. E non é o único que causa esa mesma sensación entre os homes de Quique González. 

A lesión de Cartabia precipitou novos trocos que non estaban no libreto do partido. Natxo primeiro sacou a Álex Bergantiños e inmediatamente despois, para compensar a estrutura de ataque do equipo, e tirou do venezolano Christian dos Santos. E foi saír ao campo e marcar. A vitoria estaba finalmente selada.

O 1-3 é un golpe de autoridade, conseguido ante un dos cadros vulnerables da categoría, que serve sobre todo para dar confianza e un estatus posicional ó Dépor que agora debe saber defender con astucia.