O Dépor volve ás andadas unha vez máis. Outra vez a faciana de equipo atropelado, precipitado, ansioso, sen carga de gol. Outra vez, un equipo feito para ascender estragando unha ocasión vital para coller un tren para cumprir obxectivos. 

Este equipo hai tempo que perdeu o AVE para ascender. A metade de campionato, tamén perdeu o Talgo do ascenso directo. Tampouco foi quen de agarrarse a locomotora do play off que foi perdendo progresivamente cada unha das súas estacións. Durante a segunda volta, coa súa penosa traxectoria en casa, incluso perdeu engancharse á desesperada ó Ferrobús, aquel tren carraca de cercanías da RENFE que só arrastraba dous vagóns, e agora, de seguir así, vai perder ata o mercancías de asomarse ó play off e pode caer incluso a oitava praza, superado polo Oviedo que vén pisándolle forte os talóns.

A imaxe ante o Lugo foi unha vez máis desastrosa e inexplicable. Unha vez máis, un equipo ó borde do descenso, volve sacarlle as cores a este conxunto de figuriñas de Belén, que é o que semella sobre o campo. Principalmente, dous homes están no punto de mira: Fede Cartabia e Matías Nahuel. Son dúas auténticas nulidades para o equipo. Nin teñen desborde, nin teñen profunidade, nin fan un cambio no xogo que inspire algún tipo de confianza e credibilidade. O máis desesperante de Cartabia e ver cómo é o encargado de botar desde o curruncho o balón parado e non é capaz de enviar o balón ó centro da área. Ó arxentino hai que darlle moito Cola-Cao polas mañás. O dianteiro herculino semella ter anemia. De Nahuel, como moitos outros que chegaron nos últimos anos para a encomenda do interior e a banda esquerda, é un fas que fas que non fai nada. Un cero a esquerda.

Do visto en Riazor ante o Cádiz non houbo copia en Lugo. O equipo de Martí non foi protagonista do partido. Foise deixando “comer as papas” nunha asombrosa parsimonia e inutilidade de xogo que o foi afogando pouco a pouco, só salvado nalguns instantes por Dani Giménez, como sempre. Pero o gardameta non pode ser o único sostén do equipo. Hai meses que aquí se escribiu que o Dépor necesita once homes como Dani Giménez, cada un no seu posto. Non hai referencias. Por iso, a imaxe desdebuxada e plana que amosan. 

O Dépor coñecía os bos rersultados dos rivais para tomar nota e saír enchufado no Ángel Carro, aínda que é ridículo ter que utilizar ese argumento para enfeitizar ós futbolistas branco e azuis. Pero nin con esas. Outra vez, a promoción a tiro, como outras veces a segunda praza do ascenso, e de novo o equipo herculino se tira pola fiestra. Son inifinitas xa as ocasións semellantes ás de onte antes do arranque do partido. E, ó final, repetiuse o conto.  

Por calidade e por cadro de xogadores, ó principio de temporada ninguén asinaría a un Dépor por debaixo da cuarta praza, malia toda a igualdade da competición. De aí as queixas e as críticas ácedas e punzantes. A realidade é que o que se lle esixe a este grupo de futbolistas non é ningunha carga excesiva, é un peso que pode recaer pefectamente sobre as costas dun grupo conformado a imaxe e semellanxa dun equipo de segundo máximo límite salarial. Non hai escusas. Simplemente, hai que dicir que o equipo non está cumprindo coas súas expectativas lóxicas e que está a botar por terra a misión que se lle encomendou ó principio de temporada. Por iso, resulta tan desesperante ver a este grupo sobre o terreo de xogo. 

Ao Dépor quédanlle tres partidos a cara de can. Como non é un equipo fiable, calquera dos seus próximos compromisos son partidos límite. Dá igual a dificultade. Sacando tres de tres podería coller aínda o furgón de cola. Agora ben, o vindeiro luns chega a Riazor unha Bombardier a toda máquina. A ver como xestiona o xefe de estación, Martí, o cruce de vías.